A máscara en interiores será obrigatoria 15 días máis

A máscara segue a ser obrigatoria nos espazos fechados. (Foto: Europa Press)
A decisión de retirar a máscara en interiores queda pendente da evolución co novo protocolo. Un protocolo que comezou sen ter sido notificado a todo o persoal médico. Ademais, o Servizo Galego de Saúde conta con dous novos fármacos contra a Covid.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avogou nesta segunda feira por "deixar pasar 15 días ou máis" co novo sistema de vixilancia e control da Covid, antes de avaliar a retirada da máscara nos interiores. 

O titular de Sanidade insistiu en que "se deixen as máscaras" en interiores "até pasado certo tempo" da aplicación do novo protocolo Covid de vixilancia para "ver" a evolución da situación. 

Preguntado por se a súa retirada podería ser para as datas da Semana Santa -nun par de semanas-, o conselleiro afirmou que resulta "difícil" afirmalo agora.

Comesaña lembrou que a Galiza non baixa de 2.000 novos positivos diarios "desde hai uns 10 días" e a ocupación hospitalaria por Covid aumentou con "valores altos" en hospitalización convencional. Ao respecto da retirada da máscara, o conselleiro asegurou que a Galiza "non se oporá" se así se decide no Consello Interterritorial, á vez que apelou á "prudencia".

Baixan os casos activos

A tendencia ascendente dos casos activos que se mantivo cinco xornadas seguidas até o sábado reverteuse ao baixar aos 21.839 nesta segunda feira, uns 1.800 menos que o pasado sábado, o que significa unha caída de 7,5%. Porén, estes datos constitúen unha suba de 1.614 casos con respecto aos datos de comezo da semana pasada, cando había 20.225 infeccións activas.

O descenso nos casos tivo lugar nas sete áreas sanitarias, coa da Coruña-Cee á cabeza (-433), seguida da de Vigo (-366), Ourense-Verín-O Barco (-359), Santiago-Barbanza (-284), Lugo (-156), Ferrol (-150), e Pontevedra-O Salnés (-85). Porén, soben as persoas hospitalizadas por Covid na Galiza, que chegan ás 463 persoas, 25 máis que o sábado. Os novos positivos ascenden a 2.223. A Galiza leva superando a barreira de 2.000 novos positivos diarios desde 16 de marzo.

Comeza a administración do fármaco Paxlovid para pacientes con Covid

Dous novos medicamentos para a loita contra a Covid están desde a segunda feira dispoñíbeis no Servizo Galego de Saúde. 

O primeiro dos fármacos presentados é Paxlovid, do que a segunda chegaban á Galiza as primeiras 677 unidades, concretamente ás áreas sanitarias de Santiago-Barbanza (113), Ferrol (267) e Vigo (297), para despois ser repartidas co resto das áreas,. É de carácter de postexposición á enfermidade. O segundo fármaco, Evusheld, do que esta semana chegarán 1.772 doses ao servizo de farmacia do Hospital Universitario da Coruña, empregarase de modo preventivo.

Respecto do Paxlovid, está indicado en pacientes con infección por Sars-Cov-2 que presenten enfermidade leve ou moderada nos primeiros cinco días de síntomas e que teñan un risco alto de progresar a Covid grave nos seguintes supostos: persoa non vacinada maior de 80 anos, persoa non vacinada maior de 65 anos e polo menos un factor de risco, e persoa inmunocomprometida independentemente da situación de vacinación.

Chega tamén Evusheld, un medicamento preexposición

Por outra parte, os candidatos a Evusheld son as persoas de 18 ou máis anos de idade con condicións de risco con inmunosupresión nas que se demostra resposta inadecuada á vacinación, e aqueles nos que se contraindica a vacinación e teñen moi alto risco de enfermidade grave por Sars-CoV-2. Para detallar o protocolo deste fármaco, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen  Durán, sinalou que este medicamento é similar a unha vacina, adminístrase antes de manifestar o paciente os síntomas, a inxección é vía intramuscular e realízanse dúas doses. Nesta semana enviarase a todos os facultativos os protocolos de actuación destes dous medicamentos, segundo sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Julio García Comesaña.

O novo protocolo Covid comeza sen ter chegado a persoal médico

A Galiza asumiu nesta segunda feira a nova estratexia de vixilancia e control do coronavirus após superar a "fase aguda" da pandemia. 

Profesionais da Atención Primaria denunciaron a tardanza da Consellaría de Sanidade en achegarlles de modo oficial o novo protocolo de vixilancia Covid. A estratexia fíxose pública a semana pasada, mais persoal sanitario denunciou que non dispuxo do protocolo cos detalles para poder aplicala até pasadas as 12 horas do día da segunda. 

Aínda que fontes do Servizo Galego de Saúde indicaron a Nós Diario non ter recibido ningunha queixa formal de ningún centro de saúde pola non recepción do protocolo, persoal da Sanidade galega expresou publicamente que non porían en funcionamento a nova norma mentres non lles chegase a súa comunicación oficial. Así, na práctica, o inicio da "etapa de transición" en canto á "vixilancia e control" da Covid, anunciada a semana pasada, atrasouse nalgúns casos por non ser remitida a notificación en tempo e forma, segundo indicaron profesionais da Atención Primaria.

Novo protocolo Covid

A Comisión de Saúde Pública do Estado acordou a pasada terza feira actualizar o protocolo de vixilancia fronte á Covid.

Desta forma, desde a segunda feira, os casos leves e asintomáticos de coronavirus non deberán manter illamento nin gardar corentena, que queda suprimida tamén para os contactos estreitos.

Aliás, as probas diagnósticas practicaranse ás persoas vulnerábeis ou que traballen en ámbitos de vulnerabilidade, así como para os cadros sintomáticos graves.