A masa de aire ártico seguirá na Galiza outras 24 horas

Lugo amenceu esta cuarta feira cos tellados brancos pola neve. (Foto: Europa Press)
A cota de neve fica entre 400 e 600 metros. A cidade de Lugo amenceu hoxe cos tellados brancos polas fortes nevaradas das últimas horas.

A masa de aire frío (ártico marítimo) permanecerá sobre a Galiza durante unhas 24 horas máis, o que propiciará que continúen as nevaradas en cotas de entre 400 e 600 metros, malia que estas irán subindo ao longo da xornada.

Así o vén de notificar Meteogalicia, que traslada que o ceo estará parcialmente cuberto e haberá tamén chuvascos localmente fortes que poderían chegar acompañados de saraiba.

As temperaturas seguirán en descenso, máis avanzado o día, e o vento soprará forte do noroeste no litoral e zonas de montaña, frouxo no interior durante a mañá e aumentando a moderado pola tarde.

A costa da Galiza segue en alerta laranxa, con ondas por riba dos 6 metros e fortes refachos de vento desde o noroeste.

Nevaradas

O descenso das temperaturas e a masa de aire frío xa deixou imaxes de neve nas últimas horas, sobre todo nas zonas de montaña de Lugo e Ourense, así como na propia cidade amurallada, que amenceu esta cuarta feira cos tellados brancos.

A situación é máis crítica en concellos montañosos como Pedrafita do Cebreiro, onde a neve chegou acompañada dunha forte xeada. "Daba pánico saír á estrada", dixo o alcalde, José Luís Raposo, en declaracións á axencia EFE.

As borrascas Geràrd e Fien deixaron na Galiza máis de novecentas incidencias desde que entraron no país. Os casos máis repetidos rexistrados polo 112 Galiza tiveron a ver, máis unha vez, co vento e coa choiva, que provocaron a presenza de árbores e pólas sobre as estradas.