O xornalista vasco xubílase

Martxelo Otamendi, director de 'Berria': "Foi duro ao comezo, moi duro, porque nos detiveron e nos torturaron"

Martxelo Otamendi, durante a entrevista concedida a 'Nós Diario'.

Martxelo Otamendi (Tolosa, Gipuzkoa, 1957) xubílase o 30 de xuño e, tras 20 anos como director, dálle ao relevo a Amagoia Mujika á fronte de Berria, o único diario en papel euskaldún, que o pasado sábado celebraba o vinte aniversario nun acto ao que asistiron máis de 600 persoas. Aténdenos un día despois da mesa redonda que compartiu connosco e con Vicent Partal, director do diario dixital catalán Vilaweb, e pouco antes de recibir ducias de representantes de diversos medios de comunicación europeos que se desprazaron a Donostia para participar na asemblea anual da asociación Midas que el mesmo organizou. Publicamos un extracto da conversa, que será publicada de maneira íntegra no Sermos Galiza deste sábado, á venda con Nós Diario nos quioscos habituais.

—En 2003 decrétase o fechamento de Egunkaria, nunha inxusta operación de Estado sen base algunha.
O fechamento de Egunkaria viña precedido do de Egin en 1998. O que supuxo foi un ataque claro á liberdade de expresión e aos lectores e lectoras que buscaban no quiosco unha oferta diversa, con diferentes maneiras de enfocar o mundo, mais tamén supuxo un revulsivo. Os nosos xornalistas, en vez de írense á casa, fixeron un diario e a xente paroulle os pés ao Estado. De seguro que viñan máis golpes tras o de Egunkaria e a xente dixo “até aquí”. Entre os nosos traballadores e traballadoras houbo unha dor que se positivizou e se converteu na enerxía para editar ese mesmo día un xornal e continuar estes vinte anos. Foi duro ao comezo, moi duro, porque nos detiveron, torturáronnos. Houbo moito sufrimento, mais á larga esa dor positivizouse.

Martxelo Otamendi, Amagoia Mujika, María Obelleiro e Vicent Partal, no acto do 20º aniversario de 'Berria', o 17 de xuño de 2023.

A miña terapia foi contarllo a todo o mundo, mentres que outros compañeiros necesitaron psiquiatras e psicólogos

—Vostede, que como toda a Dirección do xornal acabou absolto, foi un dos detidos e torturados. Como se supera ese sufrimento?
Non hai ningunha fórmula, cada un de nós levouno dunha maneira diferente. Eu estiven cinco días detido porque a miña familia pagou a fianza e tiven a oportunidade de saír, mais Xabier Oleaga estivo oito meses, Iñaki Uria estivo ano e medio... Quizais se centrou todo demasiado en min, por ser un dos poucos que deixaron fóra e por ter contactos cos medios. Ás veces daba a sensación de que eu era a única persoa represaliada, cando había compañeiros de Egunkaria no cárcere.

Estiven sempre na primeira fila, en debates, conferencias, mesas redondas, dando entrevistas... A miña terapia foi contarllo a todo o mundo, mentres que outros compañeiros necesitaron psiquiatras e psicólogos. Estiven sen parar durante dous ou tres anos, non durmía nin na casa, estaba dun sitio para outro.

"Ao saír do cárcere, contei no informativo da EITB o que nos fixeran. Estaba aínda sen ducharme, sucio e cheirento"

—O fechamento foi un aviso a navegantes?
Estamos en 2003, e en 2000 empeza a falarse do Plan Ibarretxe e incorpóranse no dicionario político vasco termos como autodeterminación, dereito a decidir, independencia... O Estado considera que iso pode desmadrarse e quere dar un aviso facendo algo que ninguén espera: fechar o único diario en euskera, que era como a nena mimada da cultura euskaldún. Detivéronnos facendo acusacións gravísimas, como que eramos membros da Dirección de ETA, torturáronnos e a algúns deixáronnos saír para que o contásemos e socializásemos o medo.

Daquela xa se dicía nas columnas dalgúns medios de comunicación que unha entidade financeira vasca era a caixa de aforros de ETA; que un sistema escolar propio era a escola de ETA; que Ibarretxe ordenara á Ertzaintza non deter membros de ETA e que, por tanto, había que quitar os responsábeis da Ertzaintza e colocar no seu lugar militares españois... Había ese tipo de ataques e pensábase que algo podía suceder, pero ninguén pensou que fosen facelo con Egunkaria. Sabían que o fechamento de Egunkaria ía doer e crían que a xente ía pensar que era mellor retirarse aos cuarteis de inverno, mais a xente non se retirou, saíu á rúa. Os nosos profesionais, tendo os seus responsábeis detidos, ese mesmo día, decidiron facer un xornal usando os medios dun diario local que publicabamos, aproveitando que os sistemas informáticos eran os mesmos. E o sábado houbo a maior manifestación da historia de Donostia, mesmo contando as que se fixeron contra ETA. A xente saíu á rúa para defender non só a liberdade de expresión e o dereito a ter medios de comunicación en euskera, senón tamén a súa entidade financeira, o seu sindicato, o seu sistema de educación, que non nomeasen militares españois para a Ertzaintza... A xente viu nisto un ataque a Euskal Herria en xeral.

De esquerda a dereita, Martxelo Otamendi, María Obelleiro, Andoni Aldekoa (Director Xeral de EITB), Begoña Marañon (Directora SER Euskadi), Amaia Fano (directiva da Asociación Vasca de Xornalistas), Amagoia Mujika (nova directora de Berria), Jaime Otamendi (xornalista de EITB en excedencia), Iñaki Soto (director do diario Gara), Iñaki Uria (director de Hamaika Telebista), Vicent Partal (director de Vilaweb) e Amaia Goikoetxea (presidenta Asociación Vasca de Xornalistas).

—Non se lle pasaba pola cabeza que podería ser detido?
Non o esperabamos. Nunca. Non tiñamos sequera plan B. Eu, na véspera, dera unha conferencia en Azpeitia e, ao rematar, os organizadores dixéronme que fóra do local había dous ou tres homes, co colo da camisa levantada, tapados, en actitude sospeitosa. Fomos tomar algo e ao rematar collín o coche e fun para a miña casa. Hai unha estrada de montaña entre Azpeitia e Tolosa, e púxoseme un coche diante e un detrás durante 25 km. Se tivese un ataque de alzhéimer, teríanme levado á casa porque sabían perfectamente a onde ían. Aparcaron onde aparcaba eu. Non se me ocorreu chamar ninguén, nin un avogado, nin outros compañeiros...

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza deste sábado, 24 de xuño, á venda nos quioscos e puntos habituais, con Nós Diario]