Marta García: "Descoñecemos o impacto da eólica mariña no futuro"

Marta García, catedrática da Universidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)
A coordinadora do grupo de investigación Dereito Público Global-Observatorio do Litoral da UDC, Marta García, intervirá este sábado na Coruña no marco das xornadas 'A enerxía eólica mariña nas augas españolas, solución ou problema'. Nós Diario conversa coa profesora García a respecto da polémica sobre a eólica mariña.

—Os tres proxectos anunciados de eólica mariña na Galiza (San Brandán, San Cibrao e Nordés) que impacto suporán na pesca? 

É necesario estudar cada un dos proxectos e valoralos. O problema non é o impacto que están a acusar estes proxectos á pesca, o problema é que até o momento non sabemos o impacto real que poden chegar a causar no futuro. Do que si non hai dúbida é que estes proxectos, en maior ou menor medida, interfiren en zonas de pesca intensiva, é dicir, zonas onde hai unha grande actividade pesqueira.

Polo que até agora se sabe é que, polo menos, a pesca de arrastre é incompatíbel coas eólicas. Estamos nun punto onde non hai que preocuparse por estes proxectos en concreto, senón pola previsión que hai de instalar eólicas mariñas en zonas de alta intensidade pesqueira.

—E máis alá da pesca. Pode ter impacto sobre o medio?

Eu creo que si. Hai moitos estudos que están incidindo en que se debe actuar con moita precaución, que é un principio básico do dereito ambiental. O problema é que non hai certeza de como pode chegar a interferir en cuestións como a biodiversidade. Debería ser un momento de máxima prudencia, mais non sei se é compatíbel coas urxencias que veñen desde Europa.

—Ao tratarse dunha enerxía nova, pódese calcular o seu impacto a longo prazo?

Nos estudos que estou vendo sobre o tema, o que se percibe é moita incerteza, algo que xustifica sen dúbida o nerviosismo do sector pesqueiro. Con todo, é moi difícil calcular o posíbel impacto a longo prazo.
 
—Do punto de vista lexislativo, como se pode protexer a pesca e o medio ante a eólica mariña?

O primeiro paso que se debe dar é para parar. É fundamental que nos deteñamos e que reflexionemos. Nestes momentos, por exixencias de Europa que nos obrigan a tomar certas decisións, estanse a elaborar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) cos que se pretende planificar o que se vai facer co espazo mariño. Nesa iniciativa, o Ministerio de Transición Ecolóxica ten preparados uns proxectos de plans para cada unhas das demarcacións mariñas, e eses plans teñen varios problemas moi serios desde o punto de vista xurídico. 

O principal é que entre os sectores de uso prioritario que se contemplan do medio mariño non está a pesca. Para min iso é suficiente como para parar os plans e facer o posíbel pra incluír a pesca neles. Non podemos aceptar a eólica mariña sen contemplar os problemas que poden darse para a pesca. É momento de pensar que pasou para que o Ministerio teña ignorado por completo o principal sector de actividade no medio mariño.

—'Enerxía eólica, solución ou problema' é o título da xornada na que participará mañá. Que outros problemas ten esta enerxía?

Cando falamos de posíbeis problemas, para min un moi salientábel é a inseguridade xurídica. Cando desde Europa se nos empuxa a adoptar decisións sobre o noso medio mariño faise en función de varios factores como o ambiental e o socioeconómico. Fagamos unha planificación que permita aumentar a riqueza das poboacións que viven do mar.

Mais o que é vital é favorecer a seguridade xurídica, é preciso saber con anticipación onde se vai poder realizar cada actividade e en que condicións. Polo contido dos POEM parece que non vai existir esa seguridade xurídica o que pode levar a que sexan impugnados por entidades ou asociacións.

O contido da xornada na Coruña

A lonxa da Coruña acolle este sábado xornada  'A enerxía eólica mariña nas augas españolas, solución ou problema. Unha visión interdisciplinar'. O evento constará de dúas mesas redondas onde se debaterá o modelo eólico mariño e as súas posíbeis repercusións. A este respecto, Marta García indica cal é o obxectivo do encontro: "Tentaremos suplir a carencia de participación que existe. Non é o primeiro encontro en que participo e en todos a sensación é que compartimos preocupacións e coñecemos os problemas que se poden derivar da eólica mariña".

A catedrática adianta a Nós Diario que vai expresar unha mensaxe moi clara: "É preciso achegar posicións, non hai un modelo único e é preciso achegar posturas. Non nos podemos negar á eólica mariña mais tampouco podemos dar as costas ao sector da pesca".