A Mariña rexistra a primeira xornada sen novos positivos desde o comezo do brote

O uso da máscara está estendido na praia da Rapadoira, en Foz, un dos concellos afectados. (Europa Press)
Baixan por primeira vez en semanas os casos de coronavirus na Mariña. O Sergas comunicou onte 21 altas médicas e ningún novo positivo nos concellos desta comarca, que hoxe coñecerán se a Xunta mantén o confinamento que aínda afecta sete deles ou se levanta as restricións, de dar o brote por controlado. 

Por primeira vez desde a detección, hai xa tres semanas, do brote de coronavirus que aínda mantén restricións en sete concellos costeiros da Mariña, o Sergas notificou onte que todas as probas PCR realizadas na xornada deron resultado negativo. É dicir, que o foco non sumou novos casos activos, mais si se produciron altas médicas, un total de 21, polo que os datos do abrollo melloran, ao reducirse desde os 184 da pasada segunda feira aos 163, cunha diminución de 21.

Segundo a última comunicación do Servizo Galego de Saúde, con esas 21 novas altas son xa máis de media centena as veciñas e os veciños afectados que están curados e foron dados de alta. Porén, na información relativa á área sanitaria de Lugo-Monforte-A Mariña, a diminución de casos activos nas últimas horas é de 17 e non de 21. Como a Xunta non informa dos acumulados, non é posíbel saber se a diferenza implica que  nesa xornada se detectaron catro novos positivos. 

En calquera caso, as cifras de onte supoñen unha mellora para a situación desa área sanitaria, que segue a aglutinar tres cuartas partes dos casos da Galiza (74,7%), 245, segundo a última comunicación, e 17 menos que no día previo.  

Revisión das restricións nos concellos costeiros

Con este balance, alcaldes como o de Burela, Alfredo Chairo (PSOE), o de Cervo, Alfonso Villares (PP), ou o de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), facían onte pública a súa satisfacción pola rebaixa da incidencia da Covid-19 e chamaban á "responsabilidade" e a seguir mantendo as medidas de prevención para consolidar esta tendencia, mentres agardan á decisión da Xunta sobre as limitacións que aínda afectan os seus municipios. 

Hoxe mesmo está prevista unha xuntanza telemática entre a Consellaría de Sanidade e os alcaldes e alcaldesas da zona para dar conta da revisión das medidas implantadas o pasado día 6 –e modificadas o 10– para a contención do virus, polas que o concello de Burela, que é o que concentra o maior número de casos activos,  mantén restrinxido o acceso ou saída e outros seis –Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove– só teñen permitidos os desprazamentos entre os seus territorios. 

A duración das medidas impostas pola Xunta, inicialmente de cinco días, coincidindo a finalización coa xornada de reflexión previa á cita electoral, e que finalmente tivo que estenderse en 7 dos 14 municipios do distrito ante o incremento de casos foi entendida desde o ámbito da saúde como unha medida marcada por intereses alleos aos sanitarios

Agora, transcorridos os dez días que se estabelecen como mínimo nos protocolos sanitarios, a Xunta decidirá se levanta xa as limitacións en algúns ou no conxunto destes concellos, ou agarda a que o descenso sexa máis prolongado, se ben o xerente da área sanitaria luguesa xa daba por "controlado" o brote a inicios desta semana. 

Estabilidade no resto da Galiza

Alén da Mariña, a situación epidemiolóxica no resto da Galiza mantense estábel, con sete persoas ingresadas por mor da enfermidade –unha, grave, na UCI do complexo hospitalario de Vigo– e outras 238 positivas con seguimento domiciliario.

Despois da de Lugo, a área sanitaria con maior incidencia segue a ser a da Coruña e Cee, onde se atopa outra das persoas hospitalizadas, e que rexistra 23 casos (un menos que a xornada previa), por diante da de Compostela e O Barbanza (15 casos, un menos que o día anterior), Vigo (12, cun positivo máis nas últimas horas), Pontevedra (7 casos, un máis que na xornada previa), Ourense-Verín-O Barco (4 casos, un con ingreso hospitalario, ao igual que o día anterior) e Ferrol, que se mantén cun único positivo. 

Tampouco nas residencias se rexistraron cambios: permanecen sen ningún caso rexistrado entre as persoas residentes desde o día 30 de xuño, e con un único positivo entre o persoal, o dunha traballadora do centro de maiores de Burela. Desde o inicio da pandemia, rexistráronse 274 falecementos relacionados con estes espazos residenciais. 

Axilidade fronte aos rebrotes

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cualificou onte de "disparate" a falta de recursos legais que permitan decisións "áxiles" aos Gobernos territoriais ou ás autoridades sanitarias en caso de rebrote. "Vemos que non hai ferramentas nin posibilidades para xestionar desde o punto de vista xurídico algo que ten un impacto enorme, non só na saúde pública, senón na economía", lamentou, nunha entrevista de radio.

"Tivemos un brote, e parecía razoábel [confinar], e tivemos seis hospitalizados. Pero para iso tiven que ir ao xuíz e cuestionáronme se tiña competencias para facelo", considerou, un día despois de que o seu Executivo, a través do conselleiro Román Rodríguez, exixise ao Goberno estatal "medidas específicas" para as zonas turística afectadas.