Marín acollerá esta sexta feira o funeral dos 21 mariñeiros falecidos do 'Vila de Pitanxo'

Concentración en Marín en apoio ás familia das vítimas do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Álvaro Ballesteros).
A busca dos doce corpos aínda desaparecidos segue "enriba da mesa", segundo o Goberno español.

O Templo Novo de Marín acollerá esta sexta feira ás 18 horas un funeral colectivo polos 21 falecidos do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, afundido o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova, en Canadá.

O acto terá lugar unha vez que os doce mariñeiros aínda desaparecidos no mar de Terranova foron declarados oficialmente falecidos por un xulgado. Dirixirao o arcebispo de Santiafgo de Compostela, Julián Barrio.

Mentres, os familiares da tripulación seguen a exixir ao Estado español que retome a busca dos doce corpos que aínda non apareceron, para o que solicitan que se envíe un robot ao pecio, que está afundido a uns 1.000 metros de profundidade.

Neste sentido, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, asegurou que "a procura de solucións segue enriba da mesa" para atopar os cadáveres dos tripulantes desaparecidos da Vila de Pitanxo, aínda que afirmou que "non hai unha solución simple" e depende de aspectos como "as condicións meteorolóxicas".

Busca "paralizada"

Así se pronunciou, en resposta a preguntas da prensa en Compostela, logo de que os familiares dos mariñeiros falecidos no naufraxio denunciasen que o Goberno do Estado "evade" responder sobre a continuación da busca, que está "paralizada".

"Entendo perfectamente aos familiares nas súas reivindicacións", dixo Miñóns. Lembra que mantiveron "numerosas reunións con eles" e que aínda seguen "en contacto". Aliás, apuntou que xa trasladaron "toda a información" que se solicitou a través de Salvamento Marítimo e a Mariña Mercante.

 

"Veremos se somos quen de ter esa solución enriba da mesa cando antes", afirmou. As empresas privadas coas que contacta o Goberno para enviar un robot ao pecio do buque, que se atopa a uns 1.000 metros de profundidade, "teñen que trasladar necesidades de facer unha actuación alí con seguridade coas condicións necesarias para iso", explicou Miñóns.

Ao mesmo tempo, sostivo que "agora o prioritario é a parte da investigación e saber o acontecido", mentres comprometeu unha nova reunión coas familias "no momento no que se teña información".