O Goberno estatal di que a busca dos tripulantes do 'Vila de Pitanxo' segue "enriba da mesa"

O buque 'Praia Menduiña II', que transportaba aos mariñeiros rescatados, á súa chegada ao porto de Saint John de Terranova (Foto: Paul Daly / Europa Press).
José Miñóns di que o "prioritario" agora é "saber o acontecido" perante as investigacións que se están a levar a cabo, unha delas desde a Audiencia Nacional para dirimir se existe responsabilidade penal no afundimento do buque.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, asegurou esta segunda feira que "segue enriba da mesa a procura de solucións" para atopar os corpos de tripulantes desaparecidos do 'Vila de Pitanxo', aínda que deixou claro que "non é unha solución sinxela" e depende de cuestións como "as condicións climáticas".

Así se pronunciou, en resposta a preguntas da prensa en Compostela, logo de que os familiares dos mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro, que afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá), denunciasen que o Goberno do Estado "evade" responder sobre a continuación da busca, que está "paralizada".

"Entendo perfectamente aos familiares nas súas reivindicacións", dixo Miñóns. Lembra que mantiveron "numerosas reunións con eles" e que aínda seguen "en contacto". Aliás, apuntou que xa trasladaron "toda a información" que se solicitou a través de Salvamento Marítimo e a Mariña Mercante.

"Veremos se somos quen de ter esa solución enriba da mesa cando antes", afirmou. As empresas privadas coas que contacta o Goberno para enviar un robot ao pecio do buque, que se atopa a uns 1.000 metros de profundidade, "teñen que trasladar necesidades de facer unha actuación alí con seguridade coas condicións necesarias para iso", explicou Miñóns.

Ao mesmo tempo, sostivo que "agora o prioritario é a parte da investigación e saber o acontecido", mentres comprometeu unha nova reunión coas familias "no momento no que se teña información".

A este respecto, cómpre lembrar que a Audiencia Nacional vén de abrir unha investigación para dirimir se existe responsabilidade penal no afundimento do 'Vila de Pitanxo'.

O obxectivo é dilucidar se existe responsabilidade penal no naufraxio do pesqueiro con base no porto de Marín, no que faleceron nove tripulantes, 12 permencen desaparecidos e houbo tres sobreviventes.

A información adiantada por La Voz de Galicia asegura que o testemuño solicitado polo Instituto Armado do tripulante Samuel Kwesi contradí o relato dos outros dous sobreviventes, o patrón do pesqueiro, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial, ambos os dous veciños da localidade de Cangas.