Secretaria Nacional da CIG-Saúde

María Xosé Abuín: "Non se pode prestar unha asistencia de calidade con 80-90 pacientes ao día"

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, na sede da central sindical nacionalista (Foto: Nós Diario)

A situación da sanidade pública na Galiza agravouse coa chegada da pandemia. Case dous anos despois da entrada da Covid-19 no país, o persoal sanitario atópase sobrepasado. Nós Diario conversa coa responsábel da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, para analizar como se chegou até aquí e cales serían as solucións.

Como definiría a situación da sanidade pública galega a día de hoxe?

Temos unha sanidade deficitaria, fundamentalmente en recursos humanos, e cun maior esforzo por parte do persoal profesional que leva anos baixo unha gran carga de traballo.

Na Galiza, a sanidade pública é o resultado da planificación sanitaria que o PP leva facendo nos últimos anos. Tanto no Goberno galego como cando estivo no Goberno do Estado español. O que temos é o resultado das súas políticas. Non ten outra definición.

Levamos moito tempo denunciando esta situación. Non só non escoitaron o persoal nin as reivindicacións sociais, senón que seguiron mantendo a súa política sanitaria. Fixérona a través da lexislación coa Lei de Garantías, cos sistemas de contratación do persoal ou pola modificación da Lei de Saúde. Non foi algo improvisado, estivo calculado ao detalle polo Goberno de Feixoo.

A pandemia agravou o funcionamento da sanidade pública?

É verdade que a pandemia trouxo unha sobrecarga de traballo mais agromaron as deficiencias do sistema, visibilizou como estaba o sistema por dentro. Até o de agora non se notaba polo esforzo das traballadoras e dos traballadores.

Antes a xente falaba de lista de agarda e había unha intención política de culpabilizar os profesionais, algo que se fixo durante moito tempo. Agora ponse de manifesto a súa política de persoal e os recortes orzamentarios e vemos como coa pandemia a situación foi a peor.

Cal é a razón de que non rectificasen?

Non se escoitaron nin eles mesmos. En 2012 a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas publicaba o Plan de ordenación de recursos humanos do Diario Oficial da Galiza. Nel vemos perfectamente o envellecemento da poboación que teremos e tamén o envellecemento do cadro de persoal. Ademais, alertan de que ese envellecemento vai dificultar a prestación sanitaria nos seguintes anos.

En 2013 a Consellaría de Sanidade publicou outro Plan de ordenación para forzar a xubilación obrigatoria a todo o persoal, nomeadamente médico, igual que aparecía no Plan de 2012, a cumprir en 2013 con aquel lema do PP de "facer máis con menos". Fixérono sen solicitar o número de prazas  de médicos internos residentes  (MIR) para facer a reposición deste persoal que se xubilaba. Nestes últimos anos non se dotaron prazas MIR abondo como para cubrir estas xubilacións.

Sempre buscan un culpábel. Agora din que a responsabilidade é do persoal profesional cando están contratando en precario, por días e sen estabilidade. Afirman que só 63% dos médicos que rematan a especialidade familiar e comunitaria quedan a traballar na Atención Primaria cando o problema está no 100%. O Sergas sabe que ese 37% que di que non traballa en Primaria son as prazas que eles cobren con eses médicos para urxencias hospitalarias, 061 ou hospitalización a domicilio. 

Ademais están as condicións laborais. Algo que non se di é que Feixoo conxelou os salarios do persoal da sanidade en 2010. Tiñamos un acordo que nos equiparaba ao resto dos servizos de saúde e foi o primeiro que eliminou Feixoo cando chegou ao Goberno da Xunta. 

Coa pandemia suspendéronse os permisos e houbo dificultades para contar con vacacións. Ademais somos o único colectivo público que ten suspendidos os permisos de conciliación. Seguimos sendo o persoal público peor remunerado que temos que estar as 24 horas os 365 días do ano. Sen contar con que non podemos facer unha asistencia de calidade con 80 ou 90 persoas diarias na consulta cada día, nin cando a media de profesionais nas unidades de hospitalización é menor que en 2009.

Cal é a perspectiva de cara a este 2022?

Este Goberno debería deixar de facer discursos hipócritas e facer un cambio de política que estea acompañada dun novo orzamento. Agora mesmo temos un inferior ao de 2009 na Atención Primaria. É esencial que haxa un plan de ordenación de recursos humanos en Primaria e en Atención Hospitalaria que identifique as necesidades e que achegue solucións. Que valore o número de profesionais que temos e faga previsións de xubilación dos últimos anos e como será a reposición de todos estes profesionais.

Preocúpanos a situación actual mais tamén a do futuro. O Sergas primeiro realizou xubilacións forzosas e cando viu que o sistema caía, antes da pandemia prolongaron a vida activa dos profesionais. En breve moitos cumprirán 70 anos e agora solicitaron prazas MIR que tardarán catro anos en incorporarse. Como se substituirá ese persoal?