Ana Pontón acusa Feixoo de ter o corazón "de pedra" polo seu maltrato á sanidade

O BNG pon a alarma sobre os recortes na Atención Primaria en pleno colapso dos centros de saúde.
A portavoz do BNG, Ana Pontón, fai balance do ano no Parlamento (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, fai balance do ano no Parlamento (Foto: Nós Diario)

A líder do BNG, Ana Pontón, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de ter "o corazón de pedra para maltratar así o persoal da Atención Primaria", xa que o sistema, dixo, está "ao bordo do colapso", e mentres a Xunta aprobou este mes os orzamentos para 2022 "cun recorte de recursos" para este servizo.

"Terminamos o ano cos mesmos problemas cos que o iniciamos, moitos deles mesmo agravados ante a incapacidade da Xunta de achegar solucións como no caso do colapso da Primaria", denunciou a nacionalista nunha rolda de prensa para facer balance deste ano no Parlamento.

Resulta "rocambolesco", dixo,  que aproben uns orzamentos con 2,2 millóns de euros menos, tendo en conta que "hoxe a Primaria ten 47 millóns menos que en 2009”.

Aliás, en servizos sociais, para Pontón tampouco houbo avances cara a un modelo público de residencias "que garanta unha vellez digna". Nada, igualmente, para frear a desertización industrial, coa crise de Alcoa prolongándose "sen que a Xunta mova un dedo para a intervención pública".

Nese sentido, aludiu á perda na última década de 14.700 empregos no sector industrial. A suba do prezo da luz e o "veto do PP" á proposta do BNG para unha tarifa eléctrica galega foi outro dos temas mencionados por Pontón, xunto á precariedade e emigración xuvenil.

Tamén aludiu ao "empeño do PP en impor unha democracia de baixa calidade” tentando "amordazar o Parlamento" e exercer o "control partidario sobre os medios de comunicación públicos". 

Contra a reforma do PP

Preguntada pola prensa sobre a reforma laboral, Pontón afirmou que "a esquerda decepciona [en alusión ao Goberno español] cando non cumpre o prometido" e deixa "intacta" a reforma laboral do PP. "Onde está e vai seguir o BNG é no obxectivo de derrogar esa reforma laboral", advertiu.

Comentarios