María Reimóndez, escritora feminista

"Un dos puntos fortes do feminismo galego é o seu poder inclusivo"

[Imaxe: Belén Bouzas] María Reimóndez

María Reimóndez (Lugo, 1975) foi unha das mulleres que leron o manifesto da mobilización feminista do 3 de marzo. Conversamos con ela sobre a xornada reivindicativa do 8 de marzo e sobre a situación do movemento feminista na Galiza.

Cales son as expectativas a respecto deste 8M?

Espero que haxa unha mobilización masiva das mulleres e que na medida do posíbel vaian á folga aquelas que o consideren. Sabemos que hai moitas mulleres que non poden ir á folga, isto é algo que o movemento feminista galego recoñece e respecta. Forma parte do manifesto que se leu o domingo en Lugo.

 

A expectativa é que visibilicemos todo o traballo que se fai no día a día e o contexto en que estamos neste momento, con discursos cada vez máis retrógrados desde o punto de vista do xénero, do racismo, da lingua... unha serie de agresións que vivimos de forma constante e que requiren de mobilización para poñerlles freo.

 

Espero que as manifestacións convocadas en toda Galiza teñan un seguimento masivo por parte das mulleres e da cidadanía, así como a convocatoria de folga.

 

 

Cal cre que foi a chave para que o ano pasado se dese ese éxito de afluencia?

Eu creo no traballo do día a día, non creo que haxa fórmulas máxicas para conseguir chegar a certos puntos de inflexión. Este é o resultado dun traballo moi soterrado que facemos todas as feministas nos espazos nos que estamos cada día.

As veces chégase a eses puntos de afloración na sociedade, tampouco sabería moi ben explicar por que. Pode ser que neste momento haxa máis atención mediática coa situación das mulleres ou unha visibilización maior dos feminismos, pero ás veces son factores que non están moito na nosa man.

 

O traballo polos dereitos é como sachar, ás veces sae unha colleita marabillosa e outras parece que non dás máis que con pedras

 

O importante sempre é seguirmos o traballo diario porque é o que garante que vaia haber esas transformacións. As mulleres que levamos no traballo feminista décadas, e as que son maiores cá min aínda o poden dicir máis, sabemos que non hai unha base lineal das cousas. O traballo polos dereitos é como sachar, ás veces sae unha colleita marabillosa e outras parece que non dás máis que con pedras.

 

Non podemos pensar que hai cousas conseguidas e xa acabou aí. Esa non pode ser a nosa receita porque o traballo dos feminismos é un traballo que vai ás bases da muller e, polo tanto, intenta transformalo todo. Non só que haxa máis mulleres en certos espazos, por exemplo. Busca tamén transformar as relacións de poder na súa totalidade: as relacións de xénero, de clase, a definición dos propios xéneros, as cuestións de raza, de lingua, de definición de Estados, a ecoloxía, a división rural e urbano... é unha visión de 360 graos, de como se conforma o poder e a desigualdade como consecuencia.

 

Desde o ano pasado até aquí que se aprendeu?

Eu creo que unha cuestión fundamental que si que é evidente –e ten unha parte positiva e outra non tanto– é que os feminismos comezaron a popularizarse máis do que estaban. Aínda que segue estando moi estigmatizado, no groso das mulleres, si que hai unha constatación de que o feminismo comeza a ser visto positivamente.

 

Aos sistemas de poder interésalles certas versións do feminismo, aquelas que non atacan as cuestións de raíz e que fican en cousas superficiais. Os feminismos son tanto teorías como prácticas complexas que nos obrigan a poñer en cuestión o que somos, o que facemos, desde o consumo até a relación con outras mulleres ou coa natureza. Iso implica un nivel de autoanálise e crítica moi profunda que non se pode reducir a certas caricaturas que, por desgraza, acaban copando moitas veces o espazo de visibilidade pública. Refírome con isto ao feminismo neoliberal.

 

A diferenza dos movementos feministas noutros puntos de Europa, un dos puntos fortes do feminismo galego é o seu poder inclusivo. Somos capaces de chegar a uns acordos mínimos estándomos en contacto con esa diversidade de cuestións. Trátase dun movemento que non está na superficie, vai a temas de profundidade que non son aqueles edulcorados e máis fáciles de dixerir por parte da cidadanía en xeral.

 

Como resumiría as principais demandas do feminismo na Galiza?

Están todas no manifesto. Van desde cuestións que teñen que ver, loxicamente, coas violencias e o terrorismo machista que nos afecta a todas as mulleres, pero entra tamén en cousas máis específicas e propias nosas: desde a distribución territorial, por exemplo todo o que ten que ver co espazo rural e toda a sobrecarga das mulleres labregas; o tema da migración; as mulleres xitanas; outras cuestións de diversidade sexual e de xénero ou a definición do Estado, dado que vivimos un momento moi represivo.

 

Neste sentido, tradicionalmente é unha reclamación do movemento feminista galego abrir un espazo onde se poida falar da redefinición do propio Estado no que vivimos e como isto afecta as mulleres. Son unha grande variedade de cuestións moi específicas no noso contexto.

 

Cales son as grandes frontes do feminismo galego actualmente?

Todas as fontes de discriminación están conectadas. Hai sempre unha serie de elos conectados e calquera feminismo que deixe fóra algún xa parte dun problema. O máis importante agora é seguir traballando como se fixo até o momento, un traballo máis de profundidade e non só de palabra, senón a hora de organizarnos e de traballar de cara a sociedade. É un punto forte que teñen os movementos feministas, que haxa tantos debates.

 

Tamén esta claro que nalgún lugar ten que estar a fronteira. Hai certas cousas que non podemos denominar feministas. Non podemos denominar feministas todos estes aspectos neoliberais de compravenda dos corpos das mulleres ou dereitos para unhas a base de explotar outras.

 

"Os feminismos brancos ocupan uns espazos que proxectan sombras"

 

Acaba de publicarse un libro, para o que eu fixen o limiar, que se chama Feminismo para o 99% (Catroventos editora) que fala precisamente deste problema do feminismo neoliberal. Xa non da súa existencia, senón do espazo que ocupa. Os feminismos brancos ocupan uns espazos que proxectan sombras.

 

Na Galiza vexo un interese por romper esas sombras. Está claro que a hexemonía do discurso seguimos a tela as mulleres brancas, mais creo que si que hai unha vontade de romper con iso. Noutros espazos, por exemplo nos feminismos españois, non vexo esa vontade, vexo máis resistencia que aquí. Iso ten que ver coa nosa propia situación como nación, coa nosa discriminación a respecto da lingua. Estamos nun punto de partida distinto e cunha posición máis de escoita cara ás non hexemónicas xa que nós tamén o somos.