María Paz Gutiérrez (Coordinadora Galega de ONGD): "Precisamos dun enfoque de xénero na cooperación internacional"

María Paz Gutiérrez é unha das autoras do informe da Coordinadora Galega de ONGD. (Foto: Nós Diario)
A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento vén de publicar un balance do último ano de traballo das entidades de cooperación internacional con base na Galiza. 'Nós Diario' analiza as chaves deste informe e debulla os retos de futuro das ONG galegas cunha das súas autoras, María Paz Gutiérrez.

—No informe O traballo das ONGD galegas no mundo. A sororidade entre mulleres, sinalan que 63% das persoas ás que axudan son mulleres. Podemos falar dunha feminización da pobreza?
Como en calquera outro ámbito, as mulleres sofren especialmente calquera tipo de crise, agresión ou violencia polo mero feito de selo, e a cooperación internacional ten que incidir neste feito. Por iso, desde as ONGD galegas, desenvolvemos proxectos que teñen como fin último mellorar as condicións e oportunidades das mulleres, incorporando sempre o enfoque de xénero.

—As mulleres son tamén maioritarias no voluntariado —70%— e nos últimos anos logrouse que ocupen a meirande parte dos altos cargos das entidades, ao contrario do que acontecía en 2012.
Ámbitos como os coidados ou a solidariedade estiveron historicamente protagonizados por mulleres, e a cooperación internacional non é allea a isto. O máis salientábel é que xa non só estamos nas bases, senón que tamén empezamos a ocupar os postos de dirección das nosas entidades.

—Que outras conclusións tiraría deste balance?
Gustaríame destacar que somos un sector consolidado, forte e profesionalizado na Galiza. Actualmente, empregamos 136 persoas nas oficinas, na xestión de fondos públicos, na intervención directa... Despois de varios anos nos que a cooperación galega estivo de capa caída, da man tamén dun aumento orzamentario, empezamos a traballar mellor, con máis previsión e consolidando procesos, que é a nosa forma de traballar sobre o terreo.

—O pasado ano colaboraron de forma directa con ONG 25.654 persoas, entre socias, voluntarias e traballadoras. Diría que a Galiza é un país solidario?
Sempre o dicimos, somos un país solidario e comprometido, e así o demostramos cada vez que se produce unha gran traxedia humanitaria. Rapidamente nos poñemos mans á obra para achegar axuda e recursos económicos ás poboacións damnificadas. Quizais falta consolidar ese compromiso, que non se reduza aos momentos de maior atención mediática, senón facer apostas a longo prazo. Por exemplo, facéndonos socias de entidades de cooperación internacional. Ese compromiso firme todo o ano dá garantías para facer o noso traballo.

—Quizais sexa esa volatilidade da atención mediática o principal problema da cooperación humanitaria.
Podemos sacar unha lectura positiva disto e é que non somos inmunes á dor allea, cando a vemos nos medios interpélanos e respondemos. Mais efectivamente ten esa outra cara, o que chamamos os conflitos esquecidos, todos aqueles que tiveron un enorme eco mediático e agora xa non lles prestamos atención. O apoio redúcese, o conflito non, e debemos lembralo sempre. E tamén é unha responsabilidade dos medios.

—A ONU advertiu recentemente que estamos a padecer un retroceso de cara ao obxectivo de 'fame cero' en 2030. É este o maior reto á que nos enfrontamos nos próximos anos?
A incerteza e a complexidade do momento social, económico e político no que vivimos fai que os retos sexan moitos. Alén da fame está a vulneración sistemática de dereitos. As derivas autoritarias dos gobernos do Salvador, Nicaragua ou Guatemala ponnos as entidades e as nosas sociais locais en perigo, xa que as persoas que traballan sobre o terreo están a ser perseguidas e criminalizadas. E tamén é importante que cando vén unha crise non se recorte en cooperación internacional, algo que xa vivimos no pasado e que agardamos que non volva ocorrer.

A Covid-19 si entende de nacionalidades

María Paz Gutiérrez pon o foco en como a pandemia da Covid-19 acentuou a desigualdade: "Aquí advertíannos de dúas cuestións fundamentais, lavar as mans e evitar os amoreamentos, mais en moitas das poboacións nas que traballamos isto era todo un reto, xa que a auga non chega a todo o mundo e o amoreamento é habitual en moitas vivendas", sinala.

Boa parte dos esforzos das ONGD galegas centráronse nestes dous últimos anos en "garantir as condicións necesarias para afrontar a pandemia". Porén, un elemento tan básico e esencial para combater a pandemia como a vacina non se distribuíu polo mundo adiante de forma equitativa: "Mentres os países enriquecidos acaparaban a meirande parte das doses, en moitos lugares apenas chegaban", censura.