Crise dos pellets | Entrevista

María Amigo, voluntaria na recollida de pellets: "Non damos abasto, os medios da Xunta son insuficientes"

María Amigo recollendo hoxe microplásticos da area. (Foto: Nós Diario)

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) coordinou para esta cuarta feira varios grupos de voluntariado para limpar diversas praias galegas afectadas pola crise dos pellets. Carballo, Noia, Fisterra, Muros ou Porto do Son os cinco concellos en que esta actuación se centrará principalmente. Unha das coordinadoras destes grupos de voluntariado é María Amigo, de Adega coa que 'Nós Diario' conversou para coñecer a situación e os pasos a dar.

—En termos xerais, como ve a situación nos areais afectados pola chegada dos microplásticos?
O que podemos ver é que todos os días seguen aparecendo pellets mais todo vai depender das condicións meteorolóxicas dos vindeiros días, sobre todo do vento. Desde Adega facemos un chamamento a que exista boa comunicación cos Concellos e asociacións para poder coordinar ben a limpeza dos areais. Nestes momentos, ante a chegada diaria de máis e máis pellets queremos facer ver que toda axuda é pouca e que quen queira e poida colaborar vén moi ben para intentar atallar esta situación o antes posíbel porque agora case non damos abasto.

—Fala de colaboración. Que recomendacións dá a quen quixer axudar?
As persoas que queiran axudar, ás que agradecemos polo seu compromiso co medio ambiente, pedímoslles que non o fagan pola súa propia conta se non saben. Hai moita información nas redes e a nosa recomendación é que se poñan en contacto con algunha entidade ou asociación que estea coordinada para traballar.

No caso de Adega, poden participar mediante a inscrición nun formulario na nosa páxina web e as nosas redes sociais. De non poder facelo a través de nós recomendamos que haxa un proceso previo de formación, algo que nós tamén ofrecemos, para que as persoas que se formen poidan nun futuro coordinar tamén grupos de limpeza.

—Acerca dos medios humanos para a limpeza das praias, a conselleira de Medio Ambiente da Xunta da Galiza, Ánxeles Vázquez dixo esta cuarta feira que actualmente hai 200 persoas traballando en 29 praias na limpeza dos pellets e que por iso non é precisa axuda do Estado nos areais. Parécenlle suficientes?
Primeiramente habería que saber se esas 200 persoas son voluntarias ou se é persoal contratado por unha empresa ou pola propia Xunta. Sexa como for, 200 persoas para todo o litoral galego é totalmente insuficiente. Se o obxectivo real é limpar as praias de todos os pellets que chegan a diario, iso non chega.

—Entón, que axuda debería proporcionar a Xunta para limpar o antes posíbel?
De momento nós coa Xunta non temos ningún tipo de colaboración, non nos chegou esa axuda. Pero se decidisen axudar, tanto máis medios humanos como material para a limpeza sería moi positivo porque notamos falta en todo realmente. O importante agora cremos que é que a Xunta exixa medios marítimos para facer unha contención do plástico desde o mar.

—A Xunta elevou a alarma ao nivel 2 despois de o facer Asturias. Cre que se tiña que ter feito antes?
Verémolo con perspectiva cando todo isto pase e poidamos reflexionar con calma, mais a sensación é que, efectivamente, a Xunta tardou demasiado en elevar o nivel de alerta. Na miña opinión, polo que vexo nos areais e polo que podo ler, si que considero que a reacción debeu ser máis rápida. Recorda a outras catástrofes medioambientais anteriores que se viviron neste país...