Crise dos pellets

A Xustiza galega investiga tamén a vertedura de pellets como un posíbel delito ambiental

Un voluntario recollendo 'pellets'. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Unha xuíza de Noia acorda incoar dilixencias e pide información sobre a titularidade do barco, o contido da carga perdida e a súa composición e mais as circunstancias nas que caeu o colector.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Noia acordou incoar dilixencias pola posíbel existencia dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente pola vertedura á costa galega de millóns de pellets de plástico. A xuíza ordenou oficiar á Unidade do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil para que remita ao xulgado un informe no que se consignen "os datos solicitados en relación coa titularidade da embarcación Toconao, as circunstancias nas que se produciu a perda da carga, o contido da devandita carga, a composición e posíbel toxicidade dos pellets vertidos e o alcance da vertedura e a delimitación da área afectada".

A titular do Xulgado recibiu as actuacións tras a denuncia presentada polo partido político Podemos, á que se acumulou a interposta conxuntamente pola Fundación Montescola, Ecoloxistas en Acción e a Plataforma pola Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia.

Nos autos, que non son firmes, pois contra eles cabe interpor recurso, a xuíza explica que non están determinadas "a natureza e circunstancias de tales feitos nin as persoas que neles interviñeron", polo que entende que é procedente incoar dilixencias previas e practicar as esenciais, encamiñadas a efectuar tal determinación e, no seu caso, o órgano competente para o axuizamento.

Noutro auto, a xuíza admitiu a comparecencia, en calidade de acusación popular, de Podemos, a Fundación Montescola, Ecoloxistas en Acción e a Plataforma pola Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia. A maxistrada asegura que os denunciantes "se atopan lexitimados para intervir no proceso como acusación popular dado que, a pesar dos intereses particulares que poidan resultar afectados, o feitos obxecto de investigación no presente procedemento poderían ser indiciariamente constitutivos dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, no que entran en xogo intereses supra individuais ou institucionais que lexitiman a súa intervención".