A rapazada de Ferrolterra pide pediatras polo Nadal

A rapazada de Ferrolterra, protagonistas dun vídeo no que reclaman pediatras para a comarca (Imaxe: Cedida)
Nenos e nenas de oito concellos de Ferrolterra reclaman máis pediatras para a súa comarca nun vídeo. Desde setembro, arredor de 3.100 crianzas carecen dunha pediatra ou dun pediatra de referencia ou fixo. Vídeo no interior.

"Na Galiza moitos concellos do rural están a sufrir precariedades nos seus servizos de pediatría pública. Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas son só algúns deles". Con estas verbas, branco sobre negro, comeza un vídeo elaborado por familias destes oito municipios da comarca de Ferrolterra, no que alertan da falta de profesionais nos servizos de pediatría. Hugo, de Ares; Xandre e Aroa, da Capela; Dana, de Fene, ou Naiara, de Mugardos, berraron este Nadal ben forte “Quero pediatra!”.

Mónica Muiño, veciña de San Sadurniño e nai, explica que o problema comezou "hai xa un ano" nos concellos de San Sadurniño, Cerdido, Moeche e As Somozas. "Compartiamos servizo de pediatría, unha praza que tiña a particularidade de ser itinerante. Todos os días hai servizo de pediatría en San Sadurniño e, un día a semana, rotaba polo resto de municipios. Mais hai un ano a pediatra aprobou a oposición e tomou posesión da súa praza, deixando a de aquí vacante", explica Muiño a Sermos Galiza. O Sergas non atopou ninguén para cubrir o oco e o servizo centralizouse en San Sadurniño e xornada reducida. "As persoas que veñen cubrir o servizo traballan en quenda de tarde, polo que as familias teñen que desprazarse", denuncia.

 

Desde aquela as familias cubriron follas de reclamación, reclamaron a celebración de plenos extraordinarios nos municipios ou manifestáronse con pancartas ante o centro de saúde. O vídeo publicado esta semana é un novo intento de denunciar a súa situación. Polo camiño uníronse á súa loita outros catro municipios máis—Fene, A Capela, Ares e Mugardos—cunha problemática similar. "Dúas das pediatras están de baixa,  outro pediatra tomou posesión do seu posto e agora hai persoas dobrando quenda porque non as substitúen", resume Muiño. A falta de profesionais afectan arredor de 3.100 nenas e nenos.

"As follas de reclamación remataron nun caixón, as protestas caen noutro caixón e ao final decidimos que haberá que dar voz aos nenos! Antes non tiñamos moito, só dúas horas e media nos concellos nos que rotaba o pediatra, pero agora ficamos sen nada. Queremos vivir no rural, queremos fixar poboación, pero non é posíbel sen servizos", di esta veciña.