Familias da Baña denuncian a mala cobertura pediátrica

O centro de saúde da Baña conta cun servizo de pediatría as terzas e quintas feiras en horario de mañá (Imaxe: PSdeG A Baña)

O Concello da Baña convoca unha concentración o 16 de xaneiro para demandar unha mellor cobertura do servizo. As familias teñen que desprazarse até Negreira, Santa Comba ou Compostela nos días festivos, nas fins de semana ou cando a pediatra está de vacacións.

En 2018, o municipio da Baña contaba con 240 nenas e nenos censados. Unha pediatra aténdeas no centro de saúde local as terzas e quintas feiras laborais entre as 8 e as 15 horas. O problema para as familias chega cando ten lugar unha urxencia pediátrica, ou cando a pediatra de servizo enferma ou está de vacacións, pois non se cobre a súa praza. Mónica González, concelleira de Cultura, Emprego, Política Social, Educación e Deportes, explica a Nós Diario que o Concello reclamou en diversas ocasións ao Sergas a substitución da profesional sanitaria. "Mais a resposta sempre é a mesma, xustifican que non se fai porque os médicos de familia cobren o servizo", afirma González en declaracións a Nós Diario.

Unha veciña  da Baña, que prefire non dar o seu nome, narra a este medio a súa experiencia como nai dunha crianza de dous anos. "A esa idade, e até os tres anos, os médicos de familia non poden atendela. Nunha ocasión na que enfermou, e a pediatra non estaba, tratei de que o fixesen, mais remitíronme ao centro de saúde de Mazaricos. Decidín acudir ás urxencias, en Compostela, onde a hospitalizaron ao chegar", di, "noutros casos, en fin de semana ou festivo, temos que desprazarnos a Negreira ou a Santa Comba".

Ante o prolongado silencio administrativo, o Concello da Baña optou por convocar unha manifestación diante do centro de saúde o 16 de xaneiro. "Contamos co apoio do director, que tamén tratou de facer presión para que cubrisen as ausencias", afirma Mónica González. A concelleira adianta que se levarán a cabo as concentracións "que sexan necesarias" até que a Baña conte cun servizo adecuado para as familias. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.