Os maquinistas apuntan a "un cúmulo de desgrazas" como causa do accidente do Alvia Ferrol-Madrid

Vista do Alvia logo do accidente en Zamora (Foto: Europa Press).
O Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios lembra tamén que a vía convencional utilizada polos Alvia, a diferenza das de Alta Velocidade, non está equipada con sistemas de detección por caída de obxectos . "En vía convencional, o investimento é o que é, e tememos moitísimo que non se investirá nese sistema de detección, porque neste país apostouse pola Alta Velocidade", din.
 

O Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (SEMAF) achacou a un "cúmulo de desgrazas" o accidente rexistrado durante a xornada de onte en La Hiniesta (Zamora) polo tren Alvia Ferrol-Madrid no que perderon a vida dúas persoas, o condutor dun todo terreo que caeu á vía e un dos dous maquinistas do convoi.

Responsábeis do citado sindicato desprazáronse hoxe até o escenario do sinistro, onde polo visto in situ, tal e como explicou o sindicalista Juan Jesús García Fraile, aínda é pronto para pronunciarse sobre as causas, malia que insistiu en que "de non ser por un cúmulo de desgrazas, é imposíbel que ocorrese o que finalmente ocorreu".

García Fraile referíase así a que os únicos datos cos que contan son que unha persoa, en referencia ao condutor do todoterreo, "despistouse, tivo un erro ou algo lle pasou" para que caera á vía desde un paso elevado entre as localidades de La Hiniesta e  Carbajales, por onde circulaba o tren sinistrado.

"A cabeza  tractora parte, vai arrastrada, golpea en distintos puntos e provoca a morte dun compañeiro e causa feridas a outro, aínda hospitalizado", continúa, felicitándose de que non houbese que lamentar máis desgrazas entre os 158 pasaxeiros do tren, que logo continuaron traxecto por estrada.

Aínda que para algunhas persoas o accidente de onte recuperou a pantasma do tráxico sinistro ocorrido o 24 de xullo de 2013 na localidade de  Angrois, cun balance de 80 falecidos, e a suposta inseguridade dos Alvia polo seu peso e configuración, o representante do  SEMAF mostrouse cauto e preferiu esperar ao desenvolvemento da investigación.

"Nós somos os  paladíns da seguridade, de toda a familia ferroviaria", asegura o sindicalista, quen, con todo, si lembra que a vía convencional utilizada polos Alvia, a diferenza das liñas de Alta Velocidade, non están equipadas con sistemas de detección por caída de obxectos na vía.

"En vía convencional, o investimento é o que é, e temo moitísimo que non se investirá nese sistema de detección porque neste país apostouse pola Alta Velocidade", lembra Juan Jesús García Fraile, quen con respecto ao accidente ocorrido en La Hiniesta di que "aínda hai incógnitas por despexar, como canto tempo levaba o todo terreo ocupando a vía antes de que a locomotora do tren impactase co vehículo".