Xuízo do Alvia

[VÍDEO] Garzón: "Non había ningún sinal até o comezo da curva"

O maquinista do Alvia sinistrado, a súa chegadaá Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
O maquinista do Alvia, Francisco Garzón, volve desculparse coas vítimas e pon de manifesto que non foi "formado" para afrontar as condicións nas que se produciu o descarrilamento. Aliás, acusa o ex ministro Jorge Fernández Díaz da súa detención.

O maquinista do Alvia, Francisco Garzón, relatou ante a xuíza Elena Fernández Currás como viviu o accidente do 24 de xullo de 2013 en Angrois, o seu ingreso no hospital e o seu paso polo calabozo.

"É criminal que me sacasen do hospital con tres costelas rotas e un tubo para quitarme o sangue na pleura", relatou, ao referirse á súa alta e posterior apresamento, para explicar que "de ningunha maneira " estaba en condicións de prestar declaración.

O maquinista e o letrado tamén deslizaron que a súa alta hospitalaria e a súa detención gardou relación coa rolda de prensa que deu ao día seguinte do accidente o ministro do Interior na altura, Jorge Fernández Díaz. Con todo, a xuíza matizou que "o ministro non detén ninguén" e que se foi levado a calabozo foi "por ordes do xuíz instrutor".

Garzón, que declarou esta quinta feira como acusado na segunda xornada do xuízo polo sinistro que rematou coa vida de 80 persoas e deixou 144 feridos, respondeu soamente preguntas do seu avogado, Manuel Prieto.

O maquinista asegurou que "non había ningún tipo de sinal" de seguridade nese treito "até o comezo da curva" na que finalmente o tren descarrilou.

O primeiro momento no que se lle rompeu a voz foi ao falar dos primeiros segundos tras o descarrilamento do Alvia na curva da Grandeira. "O primeiro era atender os viaxeiros e socorrelos", afirmou, despois de que fose o seu avogado quen contou como, co accidente, quedou atrapado entre os ferros da locomotora.

Volveu pedir “perdón” ás vítimas

Na súa declaración, o maquinista volveu pedir “perdón” ás vítimas e familiares das persoas falecidas no accidente ferroviario, e insistiu en que “foi un accidente, non puiden evitalo".

O seu letrado destacou que é "público e notorio" que o maquinista pediu perdón en varias ocasións, mesmo a través dunha carta que recolleu a prensa. Tamén subliñou que "quedaron de manifesto as circunstancias de Garzón, que non foi formado, que non circulou nunca pola vía 1 —foi formado na vía 2— nas condicións do accidente e que tampouco o formaron no tren que ía circular, senón nunha locomotora illada".