Manzaneda comeza a tempada de neve con xestión pública

A neve chegou esta pasada fin de semana á estación de montaña de Manzaneda (Foto: Nós Diario).
A chegada da neve á Galiza puxo un ano máis de actualidade a complicada situación da única estación de montaña que hai no país, a de Manzaneda, na comarca de Terra de Trives. Co cambio de ano, a xestión volveu ser pública, sen a certeza de que continúe así no futuro inmediato.  

As instalacións da estación de montaña de Manzaneda, creadas en 1972, pasaron por varias etapas sen conseguir a estabilidade que demandaba un proxecto destas características. O que tiña que ser o elemento que vertebrase a economía da zona coa chegada do turismo non conseguiu manterse de maneira estábel. Este 2023, comeza a medio gas, coa xestión directa da Xunta da Galiza e da Deputación de Ourense, e agardando saber se haberá un concurso aberto para que a dirixa algunha empresa privada.

A propiedade da estación recae na sociedade pública Meisa -Manzaneda Estación de Inverno SA-, da que a Xunta da Galiza e a Deputación de Ourense son socias maioritarias -con máis de 49% do capital cada unha- e o resto pertence a OCA Hoteis -antiga xestora das instalacións-, con 0,62%. Os concellos de Trives e Manzaneda, contan con 0,14% cada un. 

Após o paro provocado pola pandemia, en 2021, a empresa Oca Hoteis deixou a xestión da estación e tras un concurso que quedou deserto fíxose cargo a empresa Artabria. A decisión, cuestionada por outra das compañías interesadas, rematou nos xulgados cunha sentenza que obrigou Artabria a deixar a xestión o 31 de decembro de 2022. 

Un "saco sen fondo"

Desde a oposición, as críticas son reiteradas. O BNG preguntou cuarta feira nunha comisión da Deputación de Ourense, a través do seu deputado Bernardo Varela, polo futuro da estación e pola xestión que fai Meisa. “A forma de contratación sempre foi escurantista, tal e como aconteceu o ano pasado”, critica o nacionalista en declaracións a Nós Diario, “mais o problema de fondo é que esta estación está a ser un saco sen fondo”, engade.

Varela refírese “aos máis de 10 millóns de investimento desde que se colocaron os canóns de neve que só funcionaron unhas semanas” e aos “créditos participativos, con sumas que chegan case cada ano ao millóns de euros por parte de cada unha das Administracións, que en realidade son subvencións a fondo perdido”. 

Tamén desde o PSdeG interesáronse pola situación da estación de montaña e o deputado socialista Aurentino Alonso sinalou que volverán preguntar por este tema “no pleno do 27 de xaneiro, e agardamos que daquela o presidente da Deputación responda”. 

Aberta ao público

A estación está agora aberta mais sen remontes nin acceso ás pistas. Hai oferta de cafetaría, de piscina e a partir do vindeiro 23 de xaneiro comezarán a chegar máis de 700 escolares para participar no programa Esquiou da Deputación de Ourense. Ademais, esta pasada fin de semana puxeron en funcionamento os canóns de neve.

Fontes da Deputación consultadas por Nós Diario afirman que nos vindeiros días decorrerá unha reunión do consello administración de Meisa para decidir se continúa a xestión pública ou hai outro concurso. “Non hai nada decidido, sairá desa xuntanza”, afirman. Porén, os prazos administrativos apuntan a que seguirá así até rematar a tempada.