A deturpación do Himno galego

Manuel Ferreiro, catedrático da UDC: "A vontade de Pondal era que se restaurase o himno"

Manuel Ferreiro, a terza feria 26 de setembro, no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña e experto na figura de Pondal, debulla a Iniciativa Lexislativa Popular que na terza feira defendeu no Parlamento galego e que ten como obxectivo restituír o texto fidedigno do himno. A proposta contou co 'si' do BNG, mais foi tombada polo PP e o PSdeG.

—Como máxima autoridade en Eduardo Pondal, que significa para vostede que o PP e o PSdeG impediran esta terza feira a restauración da letra do Himno Galego e a releguen a unha comisión?
Obviamente significa unha decepción porque os argumentos que manexaron son dificilmente defendíbeis. Porque queren unanimidade? A unanimidade era ben fácil conseguila se votasen a favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Por que queren máis tempo para estudar a cuestión e para que haxa comparecencias, emendas e novos informes? En primeiro lugar, desde que en 1996 chegou por primeira vez a restauración do himno ao Parlamento galego pasaron 27 anos nos que se puideron estudar bastantes cousas. 

En segundo lugar, achegar novos informes e que comparezan todas as persoas expertas que consideraren, poderíase facer no prazo dun mes que hai para convocar esa comisión, mesmo tendo en conta que se se queren prorrogar os prazos, supoño que sempre será posíbel. E en terceiro lugar, falan de consenso social. Eu, sinceramente, penso que falan dun consenso institucional, porque non creo que convoquen un referendo para decidir esta cuestión, da mesma maneira que non se fai para ordenar o urbanismo

Entón, digamos que me sinto como os bardos pondalianos: invadido pola melancolía. Citando Eduardo Pondal: Os camiños foron longos, / a tormenta fora crúa, / as esperanzas non certas, / e as decepcións seguras. Efectivamente, as miñas esperanzas eran non certas, e desgrazadamente as miñas decepcións foron seguras.

—A comisión promotora da ILP reuniuse con representantes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, mais ningunha das entidades chegou a emitir un posicionamento.
Eu entendo que estas entidades emitirán os seus informes a respecto da restauración do himno cando o Parlamento llo pida, se llo pide. A min preocúpame máis o informe que fixeron en 2003, aínda que estou seguro de que hoxe non iría na mesma dirección. Un dos documentos era tan breve que moita cousa non podía dicir, e o outro, aínda que máis extenso, está mesmo cheo de erros de máquina e de interpretación. E ambos os dous comparten a expresión de xuízos falsos, ben sexa por falta de coñecemento ou do que for. 

—Que motivos poderían ter o PP e o PSdeG para estar en contra desta ILP?
Para min, que son profesor, o mundo do parlamentarismo é descoñecido. Se digo que o fixeron por inercia, supoño que sería moi desconsiderado para dúas forzas políticas. Ao mellor non consideraron oportuno que unha ILP fora adiante. Pedinlles que escoitasen o que dicía na miña intervención, mais se cadra é que xa traían a decisión tomada e non atenderon ben as cuestións que eu expliquei. Habería que preguntarlle a eles o porqué, eu non alcanzo a entender a súa posición.

—Cales serían os seguintes pasos para conseguir a restauración do Himno Galego?
Descoñezo se as entidades promotoras [Vía Galega e a Federación Galiza Cultura] teñen pensadas accións futuras, mais penso que debemos estar atentos á creación desa comisión de estudo e procurar que non se cumpran os nefastos agoiros de que pode chegar marzo, se disolva a Cámara e todo quede en nada. E despois, cunha nova lexislatura, haxa que volver comezar todo o proceso parlamentario. Só agardo que non haxa que esperar outros 27 anos. Aínda que se ten que ser e eu non estou, espero que haxa alguén que recolla o facho e defenda a causa da verdade.


As eleccións galegas, no punto de mira

A convocatoria das eleccións galegas –que, de non haber adianto, decorrerán en xuño de 2024– e a consecuente disolución do Parlamento galego é, para o catedrático Manuel Ferreiro, a cerna do problema que orixina o resultado da votación da pasada terza feira. "Desde o meu punto de vista o problema está en que se pode constituír unha comisión, poden pedir a comparecencia de persoas expertas, poden pedir moitos informes, informes que ás veces tardan en facerse... O problema está en marzo hai que disolver o Parlamento galego para convocar as eleccións e pode pasar o mesmo que aconteceu en 1996: viñeron as eleccións e o relatorio parlamentario conxunto quedou en nada", afirma Manuel Ferreiro en declaracións a Nós Diario. Móstrase, porén, esperanzado en que "a vontade de Eduardo Pondal de restituír a letra deturpada do himno" se cumpra máis cedo ca tarde.