Entrevista

Manuel Arias, avogado do sindicalista no caso da "puta bandeira": "Os tribunais españois vulneraron o Convenio Europeo de Dereitos Humanos"

Manuel Arias, doutor en Dereito Penal e experto en Dereito Europeo, defendeu no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o sindicalista da CIG Pablo Fragoso, condenado polo Tribunal Constitucional por un delito de "aldraxe á bandeira" española.

O TEDH condenou o Estado español por vulnerar o dereito de liberdade de expresión de Pablo Fragoso, sindicalista da CIG que en 2014 participou en protestas laborais diante do Arsenal de Ferrol pola falta de pagamento de salarios da empresa contratista do servizo de limpeza. 

Neste contexto de conflito laboral, o sindicalista emitiu as expresións “aquí tedes o silencio da puta bandeira” e “hai que plantarlle lume á puta bandeira”. Os tribunais españois condenárono por "aldraxe á bandeira", decisión que este mes foi revogada polo TEDH. Manuel Arias defendeu o caso ante Estrasburgo, mentres o letrado Roberto Bouza levou a defensa en todas as instancias xudiciais española.

—Cales son as cuestión claves, ou de importancia, que ter en conta á hora de interpretar esta sentencia do TEDH?
Sen dúbida, no debate seguido diante dos Tribunais do Estado español, a discusión pivotou fundamentalmente en torno ao dereito a liberdade de expresión (art. 20.1 a) da constitución, e o dereito á liberdade ideolóxica (art. 16) do sindicalista acusado pola xurisdición penal. 

Mais un aspecto nuclear non suficientemente considerado pola xustiza española, no presente caso foi, sen dúbida, o dereito á liberdade sindical. Dalgunha forma, a importancia do conflito laboral subxacente non fora debidamente valorada polos Tribunais de Xustiza de España, e dende logo, o Tribunal de Estrasburgo deixa claro que as expresións do acusado non podían desvincularse do conflito laboral que estaba tendo lugar, de modo que o Tribunal de Estrasburgo acaba considerando que tales expresións, mais alá e fóra de que se estea ou non de acordo coas mesmas, como sinala o Catedrático de Dereito da Universidade de Barcelona Eduardo Rojo, estarían incardinadas no marco do exercicio de dous dereitos fundamentais inespecíficos laborais (liberdade ideolóxica e de expresión), en íntima conexión cun específico (liberdade sindical).

—Supón isto un reforzo da liberdade de expresión no exercicio sindical?
É así. As sentenzas ditadas en España non ponderaran suficientemente o contexto, a forma, o lugar, ou a finalidade da protesta laboral na que se desencadearon as expresións que se consideraron delito. 

Do mesmo modo, a xustiza española non tomara en debida e obrigada consideración a condición de representante sindical do acusado. Esas sentenzas acabaron por condenar un representante sindical como autor, nada menos, que dun delito de aldraxe aos símbolos e emblemas de España, sen ter suficientemente en conta o contexto no que as expresións tiveran lugar, de modo que finalmente, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considerou, con acerto, que tal condena penal de España implicou a vulneración do dereito á liberdade de expresión do acusado por violación do art. 10 do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais.

—Que importancia reviste esta resolución do TEDH para o ordenamento xurídico español?
O TEDH, con dureza, considera que a sanción penal imposta pola xustiza española ao acusado, dadas as circunstancias concorrentes, ademais de desproporcionada, non foi unha medida necesaria nunha sociedade democrática. 

No caso axuizado en Estrasburgo chegouse a conclusión de que as declaración do acusado non podían ser consideradas alleas ás protestas laborais, de modo que as mesmas, máis que un insulto, deberían ser consideradas unha crítica e una expresión de protesta e descontento vertidas por un representante sindical no seo de un conflito laboral. 

En definitiva, para o TEDH, os tribunais españois vulneraron o artigo 10 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, precisamente pola vulneración do dereito á liberdade de expresión, que é fundamental para calquera cidadán, con maior razón para un representante sindical en exercicio das súas funcións.