Xustiza

Estrasburgo condena o Estado español por vulnerar os dereitos do sindicalista que chamou a "plantar lume á bandeira"

Pablo Fragoso, da CIG, foi condenado por "aldraxe aos símbolos nacionais" após expresar nunha protesta laboral diante do Arsenal de Ferrol, na defensa duns profesionais que non estaban a percibir os seus salarios, que "hai que plantarlle lume á puta bandeira" e que "aquí tedes o silencio da puta bandeira". O Constitucional rexeitara o recurso de amparo presentado polo sindicalista.
Bandeira española. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bandeira española. (Foto: Nós Diario)

A finais de 2020 o Tribunal Constitucional, por só un voto de diferenza —seis fronte a cinco—, rexeitaba o recurso de amparo presentado polo sindicalista da CIG Pablo Fragoso contra as sentenzas ditadas previamente pola Audicencia da Coruña e por un xulgado de primeira instancia de Ferrol que lle imputaban un delito de "aldraxe aos símbolos nacionais". A condena foi froito dunha serie de protestas laborais, diante do Arsenal da cidade departamental, en 2014, motivadas pola falta de pagamento de salarios da empresa contratista do servizo de limpeza. Neste contexto de conflito laboral, o sindicalista emitiu as expresións "aquí tedes o silencio da puta bandeira" e "hai que plantarlle lume á puta bandeira", segundo declarou probado a xustiza.

Agora o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, leva a contraria ao Estado español cun veredicto difundido esta mesma quinta feira que considera que Fragoso, que recorreu ao órgano xudicial comunitario, viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión. No seu recurso ao TEDH, o recorrente alegou que, malia que a linguaxe usada fose "dura", os tribunais internos deberían ter en conta "o contexto no que se emitiron" esas expresións.

Salientou que as súas declaracións se dirixían a un símbolo, non a unha persoa, e non incitaron á violencia nin provocaron desordes públicas. O sindicalista, na mesma liña, argumentou que a inxerencia non perseguía un "fin lexítimo" no sentido do artigo 10.2 da Convención Europea de Dereitos Humanos. Por último, afirmou que as declaracións debían considerarse a "expresión simbólica dun sentimento de decepción" polo postura do estamento militar no conflito coa empresa contratista. Aquel día, de feito, lembran desde a central sindical, "o almirante xefe do Arsenal mostrou en varias ocasións aos sindicatos o malestar do estamento militar por estas protestas e chegou a pedirlles que rebaixasen o ton durante a cerimonia de izado da bandeira española".

O TEDH acepta substancialmente estes razoamentos e rexeita os argumentos do Goberno español e do Tribunal Constitucional de que as expresións do sindicalista non tiñan ningunha relación coas protestas. Salienta que as autoridades militares pediron expresamente que "suavizase" a súa protesta durante a cerimonia solemne, de maneira que as frases contra a bandeira deben interpretarse en relación con esta actitude. Polo tanto, "é razoábel pensar que as frases contra a bandeira non eran un mero insulto, senón unha crítica e unha expresión de protesta e descontentamento cara ao persoal militar e a empresa de limpeza", subliñan.

A este respecto, a sentenza emitida desde Estrasburgo ten en conta que o recorrente era un representante sindical que fixo as declaracións durante unha protesta pola falta de pagamento de salarios, o que demostra un interese xeral para as persoas traballadoras que xustifica "un certo grao de exaxeración ou mesmo a provocación" nas expresións empregadas.

O demandante foi condenado a unha multa de 1.260 euros que podería ser substituída pola privación de liberdade en caso de non ser paga, o que é "manifestamente desproporcionado" para o obxectivo perseguido, entenden agora os xuíces, concluíndo que foi vulnerado o artigo 10 do CEDH e, en consecuencia, condenando o Reino de España a pagar ao recorrente a cantidade de 1.260 euros en concepto de dano pecuniario e outra de 6.000 euros en concepto de dano non pecuniario.

A CIG fai unha valoración "moi positiva" da sentenza, que cuestiona novamente a existencia de "garantías para o exercicio do dereito á protesta democrática no Estado español", onde "continúan a ser castigadas penalmente as persoas e organizacións que cuestionan a narrativa oficial sobre a unidade española e os seus símbolos herdados da ditadura franquista". "Fronte a esta actitude represiva, o TEDH fai valer unha concepción vigorosa dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, primando o dereito á acción sindical sobre a sacralización anacrónica da simboloxía españolista", salientan.

Comentarios