Galiza toma as rúas para apoiar o pobo palestino: "Israel asasina, Europa patrocina"

Centos de persoas manifestáronse en apoio a Palestina. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Centos de persoas percorren a capital galega nunha xornada marcada polo temporal e na que o Exército israelí intensificou a súa ofensiva sobre Gaza.

Nunha xornada de sábado marcada pola forza coa que irrompeu na cidade a borrasca Celine, con numerosas incidencias, voos desviados e cancelados e os parques e outros recintos municipais fechados, a solidariedade galega co pobo palestino faise notar de novo en Santiago de Compostela. O temporal non foi un impedimento para que centos de persoas percorresen as rúas da capital baixo o lema 'Paremos o xenocidio' e respondendo á convocatoria da Asociación galaico-árabe Jenin, Mar de Lumes, Galiza por Palestina e BDS Galiza. A choiva si provocou un pequeno cambio de ubicación, pois a marcha tivo que saír finalmente de Porta Faxeira e non da Alameda, como estaba previsto.

"Israel asasina e Europa patrocina" ou "non é unha guerra, é un xenocidio" foron algúns dos moitos cánticos que acompañaron a marcha desde o inicio. Mentres Galiza sae á rúa para trasladar o seu apoio ao pobo palestino, este mesmo sábado o Exército israelí intensifica a súa ofensiva terrestre logo dunha noite de intensos bombardeos, "a peor" desde que principiou a vaga de ataques sobre Gaza hai exactamente tres semanas. As autoridades palestinas falan xa de máis de 7.300 vítimas mortais, 3.000 delas crianzas, desde o pasado 7 de outubro.

Unha vez chegada á praza de Praterías, a columna de manifestantes, portando numerosas bandeiras de Palestina, chamaron a comunidade internacional a "deter o xenocidio do pobo palestino". "Se chove, que chova!", di, tirando do refraneiro popular galego, Ellen, unha coruñesa que non quixo perderse esta multitudinaria mobilización. "Non podemos quedar calados ante o que está pasando, temos que reaccionar", afirma a este xornal.

Nas manifestacións en defensa do pobo palestino é frecuente escoitar o cántico 'Do río ao mar, Palestina vencerá', en alusión ao territorio que se estende entre o río Xordán e o mar Mediterráneo. E desta volta en Compostela tampouco faltou, pois xa na véspera podían atoparse polas rúas da cidade graffitis nas paredes con este lema reivindicativo.

"En Gaza non teñen nada e non paran de bombardealos, isto é un auténtico xenocidio", lamenta Sara, de Brión. Para ela, o que está a suceder na Faixa e nas súas inmediacións nas últimas tres semanas "non é unha guerra xusta", e menciona neste senso os medios dos que dispón o Exército israelí, un dos mellor financiados e armados do mundo. "Non se pode castigar a toda a xente por un atentado", prosegue.

Antes do inicio da marcha, en declaracións aos medios, o presidente da Asociación galaico-árabe Jenin e palestino residente na Galiza, Sami Ashour, agradeceu as mostras de apoio ao seu pobo e asegurou que se percibe unha "indignación xeral" nas rúas. "Pouca xente queda que apoie o Estado sionista nos seus actos, é inhumano. Dificilmente un ser humano pode estar do lado de Israel co que está a caer en Gaza. A resposta maioritaria é que a xente reclama un alto ao lume, xa!", dixo. Este mesmo sábado Nós Diario publica unha extensa entrevista con Ashour.

Tamén interveu antes da marcha a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que remarcou o "compromiso" da formación nacionalista con Palestina e denunciou o "xenocidio" que nas últimas semanas está a producirse en Gaza, "co silencio e a complicidade da comunidade internacional". "Cremos que este é un momento dramático", advertiu Pontón, á vez que subliñou, tal e como xa denunciou a ONU, que se están a cometer "crimes de guerra" e "rompendo todas as regras do xogo". E o "máis grave", engadiu, é que "permiten que se masacre toda unha poboación inocente".

"Por tanto, este é o momento de que a comunidade internacional deixe a súa complicidade, deixe de apoiar ao Goberno de Israel, que actúa como un Estado terrorista, e se poñan todos a frear unha atrocidade como a que estamos a vivir", apostilou. A continuación, cargou contra o "papel vergoñoso" das institucións europeas que "non só" non reclaman o fin guerra, senón que cos seus feitos demostran que "son cómplices do xenocidio". "A xente de Palestina ten tamén o dereito para vivir en paz", sentenciou.