A III Marcha Cívica pola devolución da Casa Cornide recibe o apoio de 115 entidades

Unha imaxe da marcha para pedir a devolución da Casa Cornide, na Coruña, en mans da familia Franco, en novembro de 2020. (Foto: M. Dylan/Europa Press)
Entre as entidades convocantes hai unha ampla presenza de organización políticas e sindicais, asociación veciñais e culturais de concellos da comarca da Coruña e de todo o país.

Este sábado 5 de novembro, a asociación Defensa do Común organiza a III marcha cívica na cidade da Coruña para reclamar a devolución da Casa Cornide. Até 115 entidades mostraron o seu apoio a esta mobilización que Defensa do Común cualificou como "unha resposta social ante o anuncio da familia do ditador Franco de pór novamente á venda a Casa Cornide, como se fose da súa propiedade. Queremos facer chegar a esa familia que a súa actitude ten un rexeitamento social unánime".

"O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio" acrecentan desde a asociación desde a que animan á participación na marcha.

Os apoios

Entre as entidades convocantes hai unha ampla presenza de organización políticas e sindicais (CIG, UGT, CCOO, CGT), asociación veciñais e culturais de moitos Concellos da comarca da Coruña e de todo o país.

Os apoios chegan de entidades memorialistas de toda Galiza como Iniciativa Galega pola Memoria; Fundacións: Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Manuel Maria, Fundación Galiza Sempre, Fundación 10 de Marzo de CCOO, Fundación Moncho Reboiras da CIG.

Defensa do Común tamén recibiu apoios de fóra de Galiza como a Agrupación Federico García Lorca da Arxentina, Asociación La Comuna de pres@s y represaliad@ por la dictadura franquista de Madrid, Asociación pola Memoria Militar Democrática ou a Federación Estatal de Foros pola Memoria.

A Casa Cornide no pleno da Coruña

O Pleno da corporación municipal da Coruña aprobou varias mocións para a recuperación da Casa Cornide para o pobo da Coruña: O Pleno de 12 de setembro de 2019 aprobaba por unanimidade unha moción para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña, e o Pleno de 12 de setembro de 2019 aprobaba, tamén por unanimidade, unha moción para que o concello tome medidas xurídicas para promover que a Casa Cornide pase a mans públicas.

Pola súa parte, o pasado 13 de outubro, os grupos da oposición no Concello da Coruña (PP, BNG, Marea Atlántica e a concelleira de Podemos) reclamaron ao Goberno local liderado por Inés Rei (PSdeG) a presentación da demanda xudicial pola Casa Cornide, para lograr a devolución ao patrimonio municipal deste inmóbel.