Máis de 130 colectivos apoian a mobilización

Manifestación en Compostela contra o modelo eólico: "Non é transición enerxética, é unha demolición"

Parque eólico Corzán, en Negreira, operado por Energías Renovables del Noroeste (Foto: B. Bouzas).
Galiza exporta un de cada tres megawatts de enerxía eléctrica producidos no territorio. Aliás, conta coa terceira maior potencia eólica instalada do Estado, unha cuestión que non impediu este mes de xuño a suba da factura da luz. O país vai camiño de se converter nun "polígono industrial" inzado de aeroxeradores, segundo denuncian os máis de 130 colectivos que hoxe, con motivo do Día do Medio Ambiente, se manifestan en Compostela, Quiroga e Ponferrada contra o modelo de planificación enerxética.

En 1987 comezou operar en Mañón o parque eólico Estaca de Bares —promovido por Endesa e hoxe xa desmantelado—, o primeiro que arribou na Galiza. Agora, tres décadas despois, están en funcionamento no territorio 186 parques que suman unha potencia total instalada de 3.922 megawatts (MW) —a terceira maior no Estado—, segundo os datos máis recentes ofrecidos pola Asociación Eólica da Galiza (EGA), a patronal do sector. En 2020 o país rexistrou o seu máximo histórico de produción de enerxía eólica, 9.992 xigawatts (GW) por hora. A maiores, atópanse en fase de tramitación entre a Consellaría de Medio Ambiente e o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) outras 131 instalacións, que aumentarían a potencia a case 15.000 MW.

Aliás, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), patronal deste sector, presentou o pasado maio a súa proposta para instalar, de cara a 2030, entre 1,5 e 4 GW en parques eólicos mariños situados na Mariña, Punta Langosteira e Val Miñor, e que xerarían até 17.000 GW por hora.

Durante o último ano acelerouse especialmente a tramitación de proxectos de enerxías renovábeis. Inzan parques eólicos en espazos de alto valor ambiental, como os 30 que, segundo un estudo do biólogo da Universidade da Coruña (UDC) Martiño Cabana, están previstos nas zonas delimitadas para a ampliación da Rede Natura 2000 —paralizada desde 2011 polo Goberno galego e actualmente unha das máis cativas do Estado, con apenas 11,9% do territorio protexido—.

A raíz das numerosas propostas que practicamente todos os meses recibe Medio Ambiente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, preguntábase recentemente no Parlamento "por que cada vez que se presenta un proxecto de enerxía eólica nun concello aparece unha plataforma [contraria ao mesmo]".

"Sorprende que non o entenda, porque é moi doado. Semellante cantidade de aeroxeradores e de subestacións eléctricas van estragar o territorio e a nosa forma de vida", sinala a Nós Diario Jessica Rey, portavoz da Rede Galega por un Rural Vivo, un dos máis de 130 colectivos que hoxe participa da manifestación que partirá ás 12 horas da Alameda de Compostela e rematará na praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto. Será a primeira mobilización de carácter nacional contra o modelo eólico.

Impacto socioeconómico

Rede Eléctrica de España (REE) sitúa en perto de 30% a enerxía eléctrica que Galiza exportou en 2020 en relación co total producido. Mais a pesar de ter o país un elevado excedente enerxético, a factura da luz vén de incrementarse até 36% nalgúns casos a respecto do ano anterior.

Para Paulo Carril, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), isto obedece á "imposición do modelo de espolio colonial que o Estado exerce sobre Galiza". "A transición enerxética debe ser xusta e en chave galega. Cómpre termos soberanía sobre os nosos recursos e que a enerxía estea ao servizo do pobo", explica, e engade que o que está a suceder, "máis que unha transición, é unha demolición enerxética", en alusión ao recente fechamento das centrais térmicas das Pontes e Meirama, cuxos danos ocasionados ao medio e os empregos perdidos "non foron asumidos" por Endesa e Naturgy.

Aliás, lamenta que estes proxectos non xeren un "tecido industrial" no país nin permitan "abaratar o prezo da luz".

"Non é só unha agresión ao territorio rural, senón ao conxunto do país. Somos provedores de materias primas baratas, desde o leite ou a madeira até a enerxía, mais os beneficios de sermos unha potencia produtora non fican aquí", lamenta Manuel da Cal, coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), quen atopa na "invasión eólica" moitas semellanzas "co que aconteceu nos anos 60 co inzamento de encoros da man do franquismo".

"Aquí só quedan os prexuízos destas infraestruturas, mais debemos defender que os nosos bens e a nosa capacidade produtiva revertan positivamente no país e xeren traballo", expón Da Cal.

Roi Cuba, presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), insta a se mobilizar alegando o "enorme" dano ao medio ambiente que suporía a aprobación de todos os proxectos en fase de tramitación: "A avalancha de eólicos que se está a producir nas distintas comarcas provocou unha grande inquedanza, e pensamos que cumpría ofrecermos unha resposta en chave galega nunha data significativa como a de hoxe".

Cuba salienta a importancia de que a Administración aplique unha "moratoria" ao Plan Sectorial Eólico —aprobado en 1997 e modificado en 2002—, e sostén que todos os proxectos no seu conxunto deberían ser sometidos a unha "Avaliación Ambiental Estratéxica", a fin de determinar o "impacto real" sobre o patrimonio natural e cultural do país. Aliás, urxe a apostar polo "aforro" e a "eficiencia", e demanda que os parques se ergan "nos lugares onde vaia consumirse a enerxía".

"As enerxéticas están a acaparar as nosas terras para converter Galiza nun polígono industrial eólico, pondo en risco a saúde da veciñanza e o noso patrimonio. As empresas que antes utilizaban o carbón visten agora un disfrace verde mais coas mesmas actitudes", engade Jessica Rey, quen tamén pon o foco nas "normativas e leis obsoletas" que rexen no país en materia de produción enerxética e que "non protexen nin os espazos naturais nin as persoas".

Mobilizacións simultáneas en Quiroga e O Bierzo

Á mesma hora que en Compostela hai convocada outra mobilización contra o modelo eólico en Quiroga, convocada pola plataforma Courel Livre de Eólicos contra o 'megaparque' que proxecta na fronteira co Bierzo a multinacional norueguesa Statkraft. Benxamín Balboa, portavoz do colectivo Salvemos O Iribio, asistirá a esta concentración: "Os parques eólicos repercuten negativamente no territorio, non crean postos de traballo, e menos aínda na zona. Buscan xente de fóra para postos de alta cualificación", afirma.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza paralizou recentemente o proxecto da serra do Iribio, que ameazaba a Zona de Especial Conservación (ZEC) dos Ancares-O Courel, ao considerar inválida a autorización do Consello da Xunta en 2019 con base nunha Declaración de Impacto Ambiental aprobada en 2005 polo Goberno de Manuel Fraga e que as e os xuíces consideraron "obsoleta".

Tamén ás 12 horas celebrarase precisamente en Ponferrada, capital do Bierzo, outra concentración para amosar o rexeitamento aos proxectos eólicos que inzan neste territorio, algúns deles, coma o de Barjas, cun impacto directo sobre municipios coma O Barco de Valdeorras. Preocupa, así mesmo, o parque eólico Trabadelo, proxectado en pleno Camiño de Santiago e contra o que se veñen de presentar máis de 3.000 alegacións.

O presidente da entidade convocante, Bierzo Aire Limpo, Luis Canedo, expón a este xornal a problemática do negocio eólico: "Detrás hai intereses puramente especulativos e económicos, da man de fondos de investimento de diferentes partes do Estado e de fóra", argumenta, e salienta que a transición enerxética "non é xusta" na comarca do Bierzo: "Levamos anos producindo enerxía para exportala, e seguimos nas mesmas porque non hai un aproveitamento sostíbel dos nosos recursos naturais. Os beneficios son para unhas poucas empresas ás que non lles importa o dano ao noso medio".