Malestar entre a comunidade educativa: os casos sospeitosos teñen que ir ás aulas

Primeiro día de colexio no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).

As mudanzas que introduciu nos últimos días a Consellaría de Educación a respecto dos protocolos relativos á Covid-19 nos centros de ensino está a causar malestar entre a comunidade educativa. A última: os casos sospeitosos de coronavirus teñen que ir ás aulas en caso de ser alumnado ou profesorado.

De “temeridade”. Así cualifica a CIG-Ensino a nova mudanza de Educación a respecto do tratamento de casos sospeitosos de coronavirus, máxime cando 1 de cada 8 casos activos está nas escolas.

Na actualización do protocolo ante a Covid-19 no sistema educativo, cando exista un caso dubidoso no núcleo familiar ou que presente síntomas compatíbeis coa doenza, o resto de persoas conviventes terán que minimizar e evitar as interaccións sociais, mais poderán acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo, no caso de seren docentes.

De se confirmar o positivo, os familiares non poderán acudir ao centro de ensino ao seren considerados casos estreitos e terán que gardar corentena por un período de dez días, de acordo coas indicacións das autoridades sanitarias.

A medida está a causar indignación na comunidade educativa, “parécenos unha exposición gratuíta e innecesaria a un risco que, de se realizar unha PCR con rapidez, non debería dar maior problema por manter a unha persoa convivente, sexa docente ou alumna, na súa casa”, considera a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector.

“Ir ao centro educativo sen saber se a persoa coa que convives deu positivo, é un risco non só para a persoa senón para o resto das persoas coas que traballa ou está na aula”, abunda.

Nestes momentos, as PCR a contactos estreitos en centros escolares sofren unha espera de entre sete e 15 días.

Contradí a última orde do DOG e as recomendacións do ministerio

A mudanza no protocolo de educación colide coas recomendacións que se manteñen para a poboación xeral e que veñen de ser referendadas no DOG do 4 de novembro, na Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19.

No texto da orde recóllese que as persoas “consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probábel ou confirmado deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas”.

Tamén resulta contraditoria a medida coas recomendacións do Ministerio de Sanidade, que claramente mantén o criterio de gardar corentena en casos de conviventes de persoas con sintomatoloxía susceptíbel de ser Covid á espera de resultados.

En que consiste o cambio?

Até esta quinta feira, o protocolo de Educación advertía de que “se algunha persoa do núcleo familiar é sospeitosa de padecer a COVID-19, o alumnado ou o persoal do centro que convivan con elas non poderán acudir ao centro até que se coñeza o resultado da proba e sexa negativo. A persoa afectada ou a súa familia comunicarán o resultado á persoa coordinadora Covid do centro".

Desde a quinta feira, día 5, o protocolo dita que “os conviventes dunha persoa con síntomas compatíbeis coa COVID (alumno/a ou profesional) que se encontre á espera do resultado, evitarán as interaccións sociais que sexan prescindibles ata que se confirme o resultado, pero non será necesario que garden corentena no domicilio, podendo acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo”.