A comunidade educativa, preto dos 1.300 contaxios do virus

Imaxe de arquivo de crianzas nunha escola. (Foto: Europa Press)

A incidencia do coronavirus nas escolas e institutos segue a medrar. Porén, até o momento o gromo más grande que se detectou é o do colexio Apóstolo Santiago de Vigo, que obrigou a fechar 10 aulas e manter en corentena a unhas 200 persoas.

 

Os efectos do coronavirus continúan deixándose notar entre a comunidade educativa galega. Esta sexta feira as autoridades confirman que a incidencia achégase xa aos 1.300 contaxios e a curva segue a ser ascendente.

En concreto, hai 1.272 infectadas entre estudantes, profesorado e outros profesionais que traballan nas gardarías, escolas e institutos, o que implica un número maior de persoas en corentena á marxe de que as últimas novas sexan que hai que acudir á clase a pesar de manter contacto con algún positivo.

A día de hoxe hai, cando menos, 68 instalacións de centros fechadas, mais o único centro que permanece sen ningunha actividade é a escola infantil Golfiños, en Lugo, onde se deron cinco casos do virus.

Coa noticia, onte, de que existían 19 doentes no Apóstolo Santiago de Vigo, a área sanitaria é a primeira como foco da pandemia en infraestruturas educativas. Agora hai 376 infectadas e 25 aulas sen uso.

A zona ten tamén casos que preocupan no CEIP San Salvador (11 enfermas); o CPI da Cañiza (8); e o Plirilingüe Lareira de Mos (8).

No resto da Galiza

Tamén hai problemas noutras zonas do país. Por exemplo, no entorno da Coruña existe un surto importante no CEIP Fogar de Carballo (11 contaxios) e no IES Maximino Romeu de Lema, en Zas (9).

Na contorna de Pontevedra é o IES Gonzalo Torrente Ballester o que ten máis doentes, un total de sete. Na demarcación hai 148 casos activos. Na de Lugo a cifra queda un por debaixo, pero co único feche total da Galiza.

Na zona de Compostela hai 142 infeccións activas, mentres que na comarca de Ferrol fálase de 141.