Dúas semanas tivo que esperar unha alumna de sexto de Primaria do CEIP de Vite I, en Compostela, para que a Xunta lle programe a proba PCR necesaria para poder volver á clase após un contacto próximo na súa aula.
Denúnciao a súa familia, que sinala que desde o día 9, no que se confirmou o contaxio dunha compañeira, até onte á tarde, o Sergas non a citou para a proba á menor, que leva confinada desde o pasado día 13 –data na que se lle comunicou, despois de toda a xornada lectiva, o contacto estreito– e que aínda ten prevista para esta tarde o test.
"Como non avisaron até pasada a fin de semana, durante a ponte fixemos vida totalmente normal e mesmo visitamos os avós", sinala Xabier Mouro, pai da crianza, que se confinou durante todo ese período con ela e co irmán pequeno, en espera das dúas probas que, primeiro, confirmarían se houbo contaxio e, no seu caso, a súa negativización pasado o período de illamento.
A cuestión, sinala Mouro, é que no seu caso, ao contrario que nos outros contactos estreitos da nena afectada, as probas nunca chegaron e non foi até onte que o Sergas contactou coa familia para practicar a que consideran xa a segunda –sen ter feito ningunha antes– por facerse despois dun confinamento.
"Nalgún caso no centro de saúde accederon a facerlla, pero no noso dixéronnos que non poden facer nada, que ten que ser a través da Xunta", explica.
Problemas co EduCovid
Na raíz deste atraso pode estar, a ollos do proxenitor, un problema co expediente, a xulgar pola resposta que lle deron na Consellaría de Sanidade esta mesma semana, ao asegurar que non tiñan coñecemento até a data, malia que a dirección do centro –afirma Mouro– notificouno a través do programa EduCovid, posto en marcha pola Consellaría de Educación, o propio día 13, e confirmou esa notificación.
"Eu estimo que no centro fixeron o que puideron. Contactan con nós cada dous días por teléfono para explicarnos como está a situación. Pero despois, cando escoitas como ao conselleiro éncheselle a boca dicindo que os centros de ensino son a primeira barreira contra a Codiv-19 férveche o sangue", censura o pai da menor, que segue sen poder volver ás aulas, o mesmo que o seu irmán pequeno, malia que en ningún momento tivo contacto co caso positivo –o centro ten confirmados dous positivos, segundo o Sergas– nin coa súa familia, tamén afectada por coronavirus.
Segundo apunta, unicamente se prescribiu o illamento para tres compañeiros e compañeiras que sentan na aula perto da menor, a menos de dous metros, "por ter a mesa pegada", e para unha alumna máis que coincidiu no comedor sen máscara.
Deles, polo menos tres xa foron sometidos ás probas, entre o sábado pasado e esta semana, é dicir, máis de dez días despois da notificación do contaxio.
Contaxios en aumento
O caso coñécese nunha xornada na que o Sergas confirmou un aumento dos contaxios en escolas infantís e centros de ensino galegos até máis alá dos 600. Son, en concreto, 601, o que supón 84 máis que os notificados o pasado sábado e obrigan a ter fechadas 22 aulas e dous centros, a escola infantil Santa Ana de Celanova –con dous positivos– e, desde esta semana, o punto de atención á infancia de Boborás, por un único caso, segundo a información trasladada polo Sergas.
Desde o inicio do curso son xa tres os centros que tiveron que suspender a actividade presencial pola incidencia do coronavirus, o primeiro, o colexio plurilingüe Calasancio de Pontevedra.
Por áreas, a de Ourense é a que segue rexistrando as peores cifras de contaxios, 157, con seis unidades fechadas e tres centros na cidade, o IES O Couto, o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús e o Luís Vives, con oito casos cada un deles, os mesmos que ten Plurilingüe Sacro Corazón e no IES nº1 do Carballiño e o IES Antón Alonso Ríos, no municipio de Tomiño, na área sanitaria de Vigo.
Nela, os contaxios chegaban nesta terza feira aos 124 , mentres que as da Coruña e Compostela contan con 97 e 94 positivos. Pontevedra, Ferrol e Lugo contabilizan 64, 33 e 32 casos.