Día europeo das persoas sen teito

Máis de mil galegos e galegas sofren o senfogarismo, que vai "máis aló" de durmir na rúa

Homenaxe ás persoas sen teito finadas en Vigo —catro no que vai de ano— no cemiterio de Pereiró, o pasado 1 de novembro (Foto: Os Ninguéns).
Na Galiza calcúlase que perto de 1.900 persoas están en situación de senfogarismo, unha crúa realidade que afecta non só as persoas que carecen dun teito baixo o que durmir, senón tamén aquelas que malviven en vivendas indignas. As mulleres son, segundo sinalan os profesionais do terceiro sector a 'Nós Diario', as "máis vulnerábeis".

O toque de recoller e a prohibición de ficar nas rúas impostos en marzo de 2020 por mor da pandemia levou os servizos sociais dos concellos galegos a aumentar os recursos habitacionais, nomeadamente a ampliar as prazas dispoñíbeis nos albergues, suprimir o límite de entre dez e quince días de estadía nos mesmos, habilitar pavillóns e sufragar aloxamentos en hostais e pensións. Mais desde o decaemento do estado de alarma os recursos foron minguando de forma progresiva.

Malia a complexidade de elaborar un censo das persoas sen teito na Galiza, un estudo de Cruz Vermella de 2017 sitúa en 1.263 as persoas que viven na rúa ou teñen vivendas inseguras ou inadecuadas. Aliás, a última Enquisa de persoas sen fogar do Instituto Nacional de Estatística (INE), de 2012, cifrábaas en 1.903. Estes dous datos, os máis recentes, foron utilizados como referencia pola Xunta da Galiza para artellar o Plan de atención ás persoas sen fogar 2019-2023.

Segundo este mesmo documento, o Goberno galego constata que 68% das persoas sen teito atravesan esta situación durante tres ou máis anos, mentres só 17% atopa unha solución en menos dun ano e 15% tarda entre un e tres anos.

"Tras o confinamento as persoas sen teito non volveron exactamente á situación previa á pandemia, non todo é negativo. O plan da Xunta está moi consensuado e recolle aspectos positivos como as medidas que camiñan cara ao housing first [priorizar a accesibilidade á vivenda con carácter permanente]. Tamén ten o compromiso de rehabilitar, da man dos concellos, cen novas vivendas destinadas a programas de inclusión como o housing first, que era unha demanda urxente que trasladamos. Agora cómpre seguir traballando e materializando as promesas", expón a Nós Diario o director da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galiza), Xosé Cuns.

Para el, cómpre dar pasos máis ambiciosos co fin de paliar a situación de pobreza severa que sofren unha de cada dez galegas e galegos: "Non podemos centrarnos só en dar unha vivenda ás persoas sen teito, senón garantila tamén para as persoas sen un fogar digno ou estábel para loitar contra a infravivenda e o chabolismo, e é esencial que Xunta e concellos traballen nesta cuestión", explica.

Neste senso cómpre salientar un informe da Valedora do Pobo de 2020 no que alerta dos "atrancos" e a "demora" en moitos concellos na tramitación das axudas sociais e o empadroamento das persoas beneficiarias, condición indispensábel para acceder aos recursos da Administración.

Ana Pardo, responsábel do colectivo Provivenda na Galiza, apunta o vivido no confinamento como unha "oportunidade perdida" para "chegar á xente que de primeiras, quer por medo quer por descoñecemento, non se achegan aos recursos sociais", co fin de acompañar esas persoas no seu proceso de reinserción, que ten como eixo central "dispor dunha vivenda segura desde a que trazar un proxecto de vida".

Familias e mulleres sen recursos

As fontes consultadas constatan unha mudanza no perfil das persoas sen teito no último lustro. Se ben antes adoitaban ser varóns de mediana idade e sen cargas familiares, hoxe aumentan os casos de familias enteiras que se ven na rúa, así como as mulleres, "moito máis vulnerábeis", polo que instan a abordar o senfogarismo "desde unha perspectiva de xénero".

"Os albergues están orientados a persoas individuais, non a familias. O que se está a facer ante a falta de prazas é custear aloxamentos temporais en hostais, ou noutros casos os nenos pasan ao sistema de menores e os pais quedan no albergue... Mais se a solución é desestruturar unha familia por unha mera cuestión económica, estamos fracasando como sistema", sostén Pardo.

Outra solución na que apostan os concellos é sufragar o alugueiro en vivendas xa existentes, polas que as persoas propietarias reciben axudas económicas. Porén, Ana Pardo critica as "pésimas condicións" en que se atopan en ocasións estes fogares: "Cando vés da rúa calquera cousa che parece mellor, mais habería que exixir unhas mínimas condicións de dignidade nesas vivendas", di.

"Sempre se fala dos homes e esquecemos o senfogarismo 'somerxido' das mulleres, cando se mete en casas de familiares para evitar perder os fillos, ou as que teñen que convivir co seu agresor porque non teñen alternativa. O senfogarismo vai máis aló de non ter un teito baixo o que durmir", defende Carla Leiras, coportavoz do foro Os Ninguéns, que tamén se pregunta "que pasará cando a pandemia remate", xa que "os servizos sociais non seguirán custeando os aloxamentos temporais en hostais e albergues".

Vigo, á cola en investimento social

Os grupos da oposición en Vigo votaron a semana pasada en contra dos orzamentos de 2022, salientando a redución do gasto medio por habitante en materia de servizos sociais, pasando dos 65,5 euros do presente ano a 64,9 e sendo con este dato a cidade galega cun menor investimento nesta partida.

"O alcalde di que quen está na rúa é porque quere, mais o certo é que o albergue está sempre cheo e hai ducias de persoas aloxadas en hostais. A xente non rexeita estes recursos, o que quere é estabilidade. No que vai de ano morreron catro persoas sen teito ou con infravivendas, e nun recente censo atopamos 200 persoas en situación de senfogarismo. Estes son só os casos dos que temos coñecemento, imaxina os que hai e non chegan a nós...", sentencia Carla Leiras.