Máis dunha trintena de proxectos eólicos poderían vulnerar directivas comunitarias

Parques eólicos, operativos ou en fase de tramitación, que infrinxirían algunha norma da UE. (Foto: Nós Diario)
O proxecto eólico na serra da Groba vén de ser considerado "ambientalmente non viábel" pola Administración debido aos danos que ocasionaría ao espazo natural. Non sería o único que prexudicaría o medio. Diferentes proxectos denunciados por ecoloxistas e que actualmente estuda Bruxelas infrinxirían normativas da UE. 

O Plan sectorial eólico da Galiza (PSEG), que delimita as áreas de investigación eólica —aquelas nas que se poderían implantar estas infraestruturas— foi aprobado en 1997. Para entón, porén, xa se repartira boa parte da potencia eólica coa asignación a diferentes empresas duns 2.800 megawatts (MW). Pouco tempo despois, no ano 2001, o Goberno de Manuel Fraga Iribarne permitía, no decreto que regulaba o aproveitamento da enerxía eólica, a "compatibilidade" desta industria coa salvagarda dos espazos enmarcados na Rede Natura 2000, cuestión que na actualidade non é xa posíbel.

Isto provocou que de aí a 2007, cando o Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta aprobou un novo decreto, boa parte dos parques eólicos impulsados —53— ficasen dentro destes espazos de alto valor ambiental, como é o caso da serra do Xistral.

Son datos que a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) recolleu nas dúas denuncias presentadas o pasado 1 de setembro ante a Comisión Europea, ás que tivo acceso Nós Diario, e que expoñen a presunta vulneración de normas comunitarias na tramitación de diferentes infraestruturas de produción eólica por parte da Xunta da Galiza e do Goberno español.

Hábitats e aves

Adega expón nestes documentos diferentes casos nos que se terían incumprido as directivas de Hábitats (92/43/CEE) e Aves (2009/147/CE), como acontecería cos proxectos eólicos Cernego —Vilamartín de Valdeorras—, Edreira I —A Lama— ou Barbanza —Boiro—, proxectados en lugares que forman parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000, paralizada polo Goberno galego desde hai unha década.

Estes proxectos, e até 13 que ten documentado Adega, afectarían zonas designadas como prioritarias para a conservación de determinadas especies naturais e animais.

Zonas húmidas

Os proxectos Campo Pequeno —A Baña—, Alto das Agras —Carnota e Muros— e a ampliación do parque eólico Virxe —Carnota e Muros— terían incorrido nunha vulneración da Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), no referido á protección de zonas húmidas.

Acceso á información

A asociación ecoloxista traslada tamén a "vulneración sistemática" da Directiva 2003/4/CE, relativa ao acceso público á información ambiental, e exemplifica esta cuestión nos casos concretos do parque eólico Oribio —en Samos e Triacastela, actualmente en mans do Supremo—, Monte da Neve —Celanova e Verea—, Valdepereira —O Irixo e Lalín—, Maxal —Rodeiro, Antas e Taboada—, Mesada —Vila de Cruces—, Vilartoxo —A Baña e Val do Dubra—, ou Serra do Colmo —Becerreá—, entre outros, dentro dunha listaxe na que cita máis dunha vintena de casos.

Neste senso, Adega sinala a espera de varios meses pola información solicitada sobre estes proxectos, motivo polo que presentou senllas reclamacións diante da Valedora do Pobo. Nalgunhas ocasións, como aconteceu co parque do Oribio, as ecoloxistas denuncian que só puideron acceder ao expediente cando o proxecto xa fora aprobado polo Consello da Xunta e non durante a tramitación do mesmo.

Fragmentación de parques

O caso máis significativo da fragmentación de proxectos eólicos é o de Sasdónigas —fases I e II—, en Mondoñedo. O Supremo anulou a súa autorización malia estar xa en funcionamento alegando que, malia tramitárense por separado, ambos os parques conformaban unha mesma infraestrutura e, en consecuencia, non se puido avaliar de forma correcta o impacto acumulado sobre o medio.

A denuncia de Adega constata que isto supón un intento de "eludir" a Directiva 2011/92/UE/, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos, públicos e privados, sobre o medio ambiente.
Isto acontecería tamén na contorna das Fragas do Eume, onde unha mesma promotora, Enel Green Power, tramita seis parques —Badulaque, Barqueiro, Caaveiro, Moeche, Santuario e Tesouro— que comparten infraestruturas básicas, tal e como recoñece a propia compañía na documentación achegada. E tamén se apreciaría esta casuística nos concellos de Carballo e Coristanco a través do complexo eólico de Greenalia composto dos parques Bustelo, Campelo e Monte Toural, autorizados o pasado ano polo Goberno galego sen maior impedimento malia compartiren accesos, liñas de evacuación e estación transformadora.

A Xunta tomba o parque eólico da serra da Groba que declarara "prioritario" en 2021

O Diario Oficial da Galiza vén de dar conta da declaración de impacto ambiental do parque eólico Albariño I, cuxas instalacións afectarían a serra da Groba, tal e como denunciou a veciñanza e colectivos ecoloxistas en reiteradas ocasións nos últimos anos. A resolución do departamento de Medio Ambiente foi desfavorábel, ao considerar que o proxecto "non é ambientalmente viábel" debido ás súas afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade. O Goberno galego declarárao "iniciativa empresarial prioritaria" o pasado ano.