Máis de mil persoas protestan en Coristanco contra a mina

Manifestación Coristanco contra a mina
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto fixera un chamamento á mobilización social contra a mina a ceo aberto da empresa canadiana Edgewater .

 

"A terra non se vende" foi un dos berros que hoxe soou en Coristanco como protesta contra o intento da empresa canadiana Edgewater de instalar unha mina a ceo aberto na parroquia de Corcoesto.

Máis de mil persoas participaron na manifestación que saiu ás 18 horas desde a rotonda dun coñecido centro comercial e que rematou na mesma praza do Concello.

Entre a xente as faixas deitaban desexos como o de "queremos auga potábel e aire limpo" ou o máis sinxelo e directo de "mina non". Un vehículo da Plataforma pola Defensa de Corcoesto con megafonía animaba con coplas de retrouso sinxelo nun serán de paraugas, como o das grandes ocasións. Entre as frases algunhas con destinatario e acuse de recibo como a de "alcalde, escoita,a xente está en loita!".

Na reivindicación de Coristanco participaron moitos veciños e veciñas doutros concellos, tamén afectados polo proxecto mineiro. Viñeron de Cabana de Bergantiños e de Ponteceso mais as persoas que quixeron estar presentes, en solidariedade, doutras zonas do país. "Queremos deixar ben claro que queremos un futuro para a nosa comarca que non pase pola destrución do territorio, a contaminación das súas augas, a eliminación da nosa forma de vida e dos nosos recursos naturais", din desde a Plataforma, "Queremos un desenvolvemento económico racional e sustentábel para a nosa comarca e non a espoliación dos nosos recursos por parte do canadianos de Edgewater".