5 mentiras que sustentan o negocio da minaría

Mina abandonada na parroquia forcaricense de Presqueiras [Imaxe: Maia]
A Xunta abriu as cancelas do monte de Corcoesto ao capital estranxeiro para unha explotación de ouro a ceo aberto. Os argumentos da empresa repítense en todos os proxectos mineiros que ameazan Galiza.


Na declaración de impacto ambiental que autoriza a mina en Corcoesto, a consellaría de Medio Ambiente asume como propios os argumentos da empresa, Edgawater, após cualificar o seu proxecto como "de interese estratéxico", simplificando a tramitación de permisos e outorgándolle prioridade.

Non é o único exemplo onde a bota do capital estranxeiro se abre paso nos nosos montes na procura da riqueza mineral que hai soterrada. Máis de 400 hectáreas agrarias nas parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane, no concello ourensán de Xinzo da Limia, fican ameazadas por máis un proxecto mineiro a ceo aberto, desta volta para a extracción de feldespato.

Segundo vén de alertar o Sindicato Labrego (SLG), as terras son "das máis fértiles da bisbarra" e as familias que nelas traballan "teñen feito investimentos millonarios para facer posíbel unhas producións agrarias que esixen un alto grao de mecanización". A central agrogandeira calcula que os postos de traballo que se crearán co proxecto de Minecer S.L serán "ás penas unha ducia", namentres se pon en perigo un potencial produtivo de 18 millóns de quilos anuais de pataca. Perante o desleixo da Xunta, a veciñanza organizada nunha Plataforma será tamén desta volta a que trate de lle parar os pés á empresa. A febre do ouro sobe e o que nos contan son sempre verdades a medias. 
 

  • A minaría crea emprego

A empresa canadense Edgewater ten previsto, efectivamente, dar traballo a 271 persoas en Corcoesto, nin un máis que os que exixe a normativa para falar de actividade estratéxica e acelerar os prazos na obtención de permisos. Porén, nada disto significa que se vaian crear os postos, nin que se vaian manter, nin que se vaia contratar man de obra local.

Segundo contempla o proxecto presentado na Xunta, a cambio de arrasar a superficie equivalente a máis de 700 campos de fútbol, a empresa promete que durante oito anos empregarán unha persoa para administración, cinco para almacén e tres para limpeza. Outros 133 obreiros —a minaría rara vez emprega mulleres— estarán sub-contratados, e o resto do persoal será especializado e virá 'de serie'.

Cómpre dicir que non hai garantía ningunha de que os poucos empregos que quedan para @s veciñ@s sexan para oito anos. Máis ben ao contrario: o habitual nestes casos é que polo mesmo posto pasen moitas persoas. Con todo, o canto de serea da creación de emprego entoouno tamén a Xunta. No pleno desta semana no Parlamento galego, Feijóo instou os grupos de BNG e AGE a apoiaren a mina de Corcoesto para pórlle freo ao paro que afecta a máis de 270 mil traballador@s na Galiza.

  • A minaría fortalece os lazos sociais

Fronte ao argumento empresarial, a realidade é que son xustamente eses lazos o primeiro que destrúen. Montes comunais de parroquias ou aldeas pequenas son un caramelo para estas empresas, que aterran moitas veces en lugares onde xa houbo no pasado unha explotación mineira que si empregaba xentes do lugar —e, cando mesmo, hai un clima favorábel a estas actividades. Como se abre unha fenda na comunidade? Xogando cos prezos das sondaxes que a empresa practica nos terreos que serán explotados para comprobar a existencia de minerais.

En Corcoesto —Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso— buscan ouro; en Presqueiras —Forcarei— andan á procura de estaño, tántalo, niobio e litio; da Serra do Galiñeiro —Mos e O Porriño— queren itrio, escandio e minerais do grupo dos lantánidos, terras raras; en Laroá —Xinzo da Limia— ameazan terreos agrícolas para lles arrincar o feldespato. As cantidades que se pagan polas sondaxes varían dun proxecto a outro e dunha casa a outra, dependendo da habilidade para negociar que teña cada afectad@, fomentando a desconfianza entre @s veciñ@s.

  • O impacto ambiental da actividade mineira é mínimo

Cunha partida de 800 mil euros a Xunta de Galiza financiará o 80% das prospeccións practicadas por empresas mineiras "sen ánimo de lucro". A maioría dos proxectos mineiros que se citaron, e a maioría dos que hoxe procuran riqueza nos montes do país, escollen o ceo aberto como maneira de explotar esa riqueza, a pesar de que con galerías subterráneas a actividade sería máis lenta —duraría logo máis tempo—, requiriría máis man de obra non especializada —implicaría logo máis postos de emprego locais— e a débeda social e ambiental sería moito menor.

Para alén do anterior, en Corcoesto empregarán a metodoloxía máis barata, o cianuro, para arrincarlle o ouro ás pedras; e o dióxido de xofre para eliminar os restos de cianuro, segundo a propia empresa lle explicou á veciñanza. O dióxido de xofre reacciona coa auga da atmosfera para producir a chuvia ácida. Porén, Medio Ambiente non contemplou ningunha destas cuestións á hora de conceder a DIA —declaración de impacto ambiental—, aínda tendo riba da mesa un informe do CSIC e da U-Vigo que demostraba que a vella mina fincada neste lugar duplicou os niveis de arsénico no río Anllóns sen ser a ceo aberto nin empregar cianuro. Unhas galerías subterráneas, antigas e cativas deitan 850 quilos de arsénico ao ano nestas augas, que fan parte da Rede Natura. A explotación proxectada será ao aire libre e ocupará 770 hectáreas.

  • A empresa mineira asumiría os danos derivados de calquera accidente que puidese producirse

A Plataforma en defensa de Corcoesto e entidades ecoloxistas como Verdegaia, Adega e a Sociedade galega de historia natural, levan tempo desmentindo esta cuestión, e válense dun exemplo acontecido non hai tanto, en 1998, no lugar de Aznalcóllar, en Sevilla, Andalucía. Unha balsa de residuos de metais pesados moi contaminantes procedentes da mina que explotaba a compañía sueca Boliden, partiu por dous dos seus lados e liberou o contido no río Agrio, que baña o parque natural de Doñana e desemboca no Guadalquivir.

A empresa non asumiu nin o 1% dos danos, aínda cando o Tribunal Supremo a obrigou, en 2004, a pagar 45 millóns en concepto de indemnización polos danos causados, que Boliden cualificou de "factor externo" e recalcou que non pagará nada. A Xunta concedeu a declaración de impacto a Edgewater sen que esta se comprometese a asumir toda a responsabilidade perante a posibilidade de que un desastre ecolóxico como o acontecido en Aznalcóllar se producise na Galiza.

  • A minaría frea o despoboamento

A análise dos datos demográficos oficiais di xustamente o contrario: o grao de despoboamento de localidades de Asturies que noutrora se dedicaron á actividade mineira é maior que o rexistrado en calquera concello da Costa da Morte. As vivendas construídas a carón da mina perden valor patrimonial, e as formas de vida que se destruíron non se volven recuperar. A literatura económica refírese a estes lugares como 'localidades pantasma'.