Educación

'Volta ao cole': máis de 310.000 estudantes retornan hoxe ás aulas da Galiza

Unha crianza no comezo do curso 22/23 no CEIP Manuel Mallo Nadela de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os sindicatos avanzan mobilizacións e folgas se a Consellaría de Educación non negocia a baixada de cocientes e a redución de horas lectivas.

O curso escolar arrinca na Galiza esta segunda feira, 11 de setembro, para 311.823 alumnos e alumnas de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato. Esta cifra representa un total de 2.409 matrículas menos con respecto ao curso anterior, o 22/23.

Detalladamente, este curso en Educación Infantil serán 50.117 alumnos, 2.880 menos que o ano pasado; en Primaria, 129.290, 906 menos que en 2022/23; en Educación Especial, 1.273, 24 máis; en ESO, 98.074 alumnos, 1.358 máis; en Bacharelato, 33.069, cinco menos. Así o confirmaba a pasada cuarta feira o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que comparecía ante os medios para avaliar o inicio do curso, o último dunha lexislatura "francamente complexa", coa pandemia e a aplicación da nova lei de educación. A isto sumou ademais a situación demográfica, "cun descenso que impacta tamén no descenso de alumnos nos cursos".

Ademais, o curso 23/24 comeza con críticas dos sindicatos, que avanzan mobilizacións e folgas se a Xunta da Galiza non senta a negociar a baixada de ratios e a redución da carga lectiva.

A reste respecto, e preguntado polas cocientes alumno-profesor nos centros galegos, Román Rodríguez insistiu a pasada cuarta feira na mellor situación da Galiza fronte ao resto do Estado. "70% das nosas aulas están por baixo dos 20 alumnos. Non temos un cociente tan malo, nin moito menos", comentou, indicando ademais que a posíbel xustificación coa baixa densidade no rural, dáse en todo o territorio estatal.

Críticas dos sindicatos

O curso arrinca na Galiza entre críticas por parte dos sindicatos (entre eles, CIG e ANPE), que advertiron, após as declaracións do conselleiro, que convocarán mobilizacións, tamén folgas, se a Consellaría de Educación non senta a negociar en setembro a baixada de cocientes e a redución da carga lectiva do profesorado.

Argumentan que dada a baixada da natalidade, poderían reducirse os cocientes por aula "sen case custo engadido", algo que repercutiría na calidade da educación e nos resultados do alumnado, "no canto de fechar unidades e eliminar profesionais". Tamén piden abordar a redución de horas lectivas para volver ás 18 e 21 horas, xa que agora contan con 25 horas en Infantil e Primaria e 20 nos demais niveis educativos. "A redución redundaría na mellora das condicións de traballo, no reforzo da coordinación pedagóxica e na propia atención educativa ao alumnado", argumentaron

Ante a posibilidade de folga do profesorado, Rodríguez mostrou este domingo a “vontade” de reunirse coas centrais sindicais para abordar os cocientes, a carga burocrática e os horarios. Porén, defendeu ao mesmo tempo “o modelo educativo da Galiza”. “Todo se pode falar e todo é mellorábel, pero hai dúas formas de variar unha política pública: ver só organización ou ver só os resultados”, puntualizou o conselleiro nunha entrevista este domingo no programa ‘Galiza por Diante Fin de Semana’ da Radio Galega.

Así, defendeu que o actual sistema de organización a Galiza ten “os mellores resultados educativos” do Estado español, así como “uns dos mellores cocientes” profesorado-alumnado.

Axudas para libros de texto

Doutra banda, o conselleiro insistía a pasada cuarta feira en que o sistema de préstamo gratuíto de libros de texto lanzado polo bipartito "fracasou, funcionaba mal e non era xusto socialmente", tal e como apuntou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a semana pasada.

O presidente galego mantén a súa firme oposición á gratuidade de libros de texto que reclaman Anpas Galegas, sistema implantado durante o bipartito de BNG e PSdeG e desbotado coa chegada de Alberto Núñez Feixoo ao Goberno da Xunta da Galiza.

"O noso sistema creo que funciona mellor. Hai un recoñecemento xeral, xa sei que hai opinións en contra, pero é moito máis equitativo e garante non deixar desatendido a quen máis o necesita. Hai familias que se poden permitir un maior esforzo que outras e iso permite que aquelas que non teñen practicamente capacidade teñan garantido algo tan fundamental como que os seus fillos poidan ter o mesmo material escolar e libros con independencia do diñeiro que teña a súa familia", defendeu Rueda a pasada sexta feira, 1 de setembro, durante unha visita á libraría Gallaecia Liber de Compostela.