Máis de 236.000 persoas figuran nas listas de agarda dos hospitais galegos

43.914 galegos e galegas están a agardar por unha cirurxía. (Foto:Europa Press)

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, vén de recoñecer os atrasos nas listas de agarda. Até 2023 non se recuperarán os tempos de espera anteriores á pandemia, dixo, sinalando que “serán necesarios dous anos” para volver á normalidade preCovid. Neste sentido, 43.914 persoas agardan por unha cirurxía e 193.622 por unha consulta hospitalaria, o que implica que 236.816 persoas están en lista de espera nos hospitais galegos.

As declaracións de José Flores nunha entrevista na Cadena Ser impugnan o relato da Consellaría de Sanidade, que até hai pouco afirmaba que se producira unha rebaixa do tempo medio de espera no sistema galego de saúde

Porén, e segundo os últimos datos oficiais da Administración galega, referidos a xuño de 2021, a agarda media para cirurxías no Sergas sitúase en 70,3 días, 16 días máis que en decembro de 2019, última cifra anterior á pandemia. Neste sentido, colócase á cabeza dos tempos de espera a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco con 77,9 días, seguida da área ferrolá, con 77,5; a da Coruña-Cee, con 74,3; a de Santiago-Barbanza, con 71,9; a área de Pontevedra-Salnés, con 71,7; a viguesa, con 66,3; e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 53.

Até 193.622 galegas e galegos agardan por unha consulta en Atención Hospitalaria. Así, o Sergas recoñece un tempo medio de espera de 65,8 días na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte; de 50,7 na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco; de 43,1 na área sanitaria de Ferrol; de 37,9 na área sanitaria da Coruña-Cee; de 34,2 na área sanitaria de Vigo: de 31,6 na de Pontevedra-Salnés, e de 30,4 na área sanitaria de Santiago-Barbanza.

Neste caso, o tempo media de agarda para o conxunto do sistema sanitario colócase en 42,6 días, unha duración semellante aos momentos previos á pandemia, cando a Consellaría de Sanidade declaraba unha espera de 41,5 días.

Os tempos de agarda para unha proba diagnóstica téñense incrementado de modo moi importante no último ano e medio. Por exemplo, o período medio de espera para unha endoscopia é de 156 días, 37 días máis que en 2019, 101 días para unha tomografía axial computerizada (TAC) ou 100 días para unha resonancia magnética.

Neste contexto, son moitas as especialidades, en función das áreas sanitarias, onde a espera supera por moito os prazos fixados nos diversos protocolos de atención asinados polo Goberno galego. Sen ir máis lonxe, a propia Xunta, recoñece máis de 100 días de agarda nas  consultas de ecografía vascular, de endoscopia dixestiva, de ecografía xinecolóxica, de endoscopia otorrinolaringoxina, de radioloxía de mama, de estudo do sono ou de intervencionismo.

Cuestionan as cifras  oficiais da Consellaría

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública cuestiona as cifras ofrecidas polas autoridades sanitarias galegas. O seu presidente e voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, en conversa con Nós Diario, sinala que “seguen maquillando as listas de agarda ao non publicarse os doentes que se acumulan nas listas non estruturais” e denuncia “o seu importante incremento nos últimos tempos”. Neste sentido, apunta a que “o número real de persoas en lista de agarda pode ser de entre 30% e 60% superior aos recollidos nos dados oficiais da Xunta” e lembra un estudo elaborado polo seu colectivo en 2019 que “situaba en 17.000 ou 18.000 as persoas nesta situación na área sanitaria de Vigo”.

“A realidade das listas”, continúa Martín, “coñéceas ben a poboación, que debe agardar meses antes de ser intervida. A media de tempo dun doente desde que acude a Atención Primaria por un problema achégase a 200 días, dado que hai que sumar o tempo da primeira consulta en Atención Especializada, das probas diagnósticas e da agarda para cirurxía”. Na mesma liña, advirte que “mentres non se normaliza a situación na sanidade a cousa vai seguir empeorando, xerándose problemas novos como o colapso dos servizos de Urxencias polo feche dos centros de saúde ou atopándose nas consultas persoas con patoloxías graves moi avanzadas, porque a enfermidade non espera”.