Máis de 15.000 sinaturas recollidas na Galiza para a ILP pola regularización das persoas migrantes

Cartaces a prol da regularización nun acto de recollida de sinaturas para a ILP. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
"Somos as persoas migrantes que vivimos neste país, ao teu carón. Moitas traballamos en sectores esenciais, mais non temos os dereitos básicos para vivir", defenden.

A campaña 'Esenciais', promovida por diferentes organizacións para impulsar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para a regularización extraordinaria de persoas migrantes, logrou até o momento 402.518 sinaturas de apoio no conxunto do Estado español, das que máis de 15.000 foron recollidas na Galiza.

Esta iniciativa reúne unhas 800 entidades sociais de todo tipo e o seu obxectivo é promover unha regularización extraordinaria de persoas migrantes en España, "entre 475.000 e 514.000".

Os promotores advertiron que a reforma da lexislación de estranxeiría "non é suficiente", e puxeron o foco en que "máis de 100.000" das persoas que viven en situación administrativa irregular son nenos e nenas, "cos problemas que iso supón para garantir os dereitos básicos da infancia".

Segundo recoñeceron, a recente reforma dese regulamento supuxo "avances positivos", como a ampliación do reagrupamento familiar, mais "esquece aspectos básicos", como a regularización das persoas que xa viven e traballan no Estado, incluídas as crianzas.

Por iso, defenden que é "imprescindíbel" levar a cabo unha regularización extraordinaria, e para lograr tal fin impulsaron esta ILP, que require de medio millón de sinaturas para o seu traslado ao Congreso antes de que remate o prazo, o próximo 23 de decembro.

"Somos as persoas migrantes que vivimos neste país, ao teu carón. Moitas traballamos en sectores esenciais. Porén, non temos os dereitos básicos para vivir", explican desde o movemento promotor da ILP.

Na Galiza, a principal entidade impulsora desta campaña é o Foro Galego de Inmigración, que suma o seu traballo ao de centos de organizacións en todo o Estado para lograr este obxectivo.