As mortes de migrantes no Mediterráneo aumentaron até 1.838 en 2021

Un informe vaticina novas medras debido ás "políticas estritas" da UE.
EuropaPress_3921235_varios_migrantes_viajan_patera_avistada_ong_open_arms_barco_astral
photo_camera Migrantes nunha patera, nas inmediacións de Lampedusa, en Sicilia (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Un total de 1.838 migrantes morreron ou desapareceron no Mediterráneo en 2021, o que representa unha media de cinco mortes ao día e un aumento de 20% con respecto a 2020, cando perderon a vida no mar 1.448 migrantes, segundo o último informe do Monitor Euromediterráneo de Dereitos Humanos.

En setembro rexistrouse a taxa máis alta de chegadas ás costas europeas: máis de 16.000 persoas. En xullo, polo menos 311 migrantes morreron ou desapareceron, o que representa máis de dez vidas ao día.

"As políticas europeas, cada vez máis estritas, presaxian un aumento dramático no número de inmigrantes e solicitantes de asilo que morren lonxe dos centros de atención", apuntou a investigadora sobre migración e asilo Michela Pugliese, que engadiu que as autoridades europeas están ocupadas "abafando os activistas con sancións e multas desorbitadas para disuadilos de brindar a asistencia necesaria" a estas persoas.

Ademais, recalcou que moitos países europeos "devolven pola forza migrantes e solicitantes de asilo a países inseguros como Libia", violando así a Convención de 1951 sobre o Estatuto dos Refuxiados, as leis da UE ou a diversa lexislación sobre dereitos humanos.

Neste sentido, Pugliese salientou que estes procedementos se dan "sen ter en conta as perigosas condicións ás que poden estar expostos", tanto nos cárceres, como nos centros de detención ou nos seus países de orixe.

O informe insta as autoridades europeas a reactivar as misións SAR ─asistencia a calquera buque ou persoa en perigo no mar, independentemente da nacionalidade ou do estado dos pasaxeiros─ e a realizar patrullas permanentes para garantir unha resposta rápida aos afundimentos das precarias embarcacións usadas no tránsito.

Medra o fluxo cara á UE

Tamén onte Frontex ofreceu datos sobre 2021, que reflicten que case 200.000 migrantes e refuxiados chegaron a Estados da UE. A axencia comunitaria de protección de fronteiras situou o fluxo en niveis previos á pandemia da Covid-19. Tamén, sitúa o Mediterráneo central de novo como ruta máis transitada.

O de 2021 foi o dato de chegadas máis alto desde 2017 e supón un incremento de 57% comparado co rexistrado en 2020. Por nacionalidades, os cidadáns sirios continúan a encabezar a lista, por diante das persoas con nacionalidade tunisiana, marroquí, alxerino e afgá; mentres que, por sexos, os homes representan nove de cada dez chegadas.

Comentarios