Crise dos pellets

Máis de 115 colectivos maniféstanse o domingo en defensa do mar: "A xente está a marchar e precisamos solucións urxentes"

Xaquín Rubido intervindo hoxe na rolda de prensa da presentación da protesta en defensa do mar. (Foto: PDRA)
"Non hai problema para aprobar axudas por máis de 6 millóns de euros para a industria conserveira pola suba do aceite, mais non se aproba ningún tipo de axuda para o sector marisqueiro", censura Xaquín Rubido, voceiro da PDRA.

Santiago de Compostela acollerá este domingo unha manifestación en defensa do mar. A marcha partirá ás 12 da Alameda da capital da Galiza e rematará unha hora máis tarde na praza do Obradoiro. Os promotores da mobilización agardan unha asistencia masiva. Xaquín Rubido puxo esta sexta feira voz ás demandas dos máis de 115 colectivos que convocan a marcha de mañá en Compostela. O biólogo e voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) explicou, no marco dunha rolda de prensa convocada para presentar os obxectivos da mobilización, que “a manifestación organízase para esixir solucións para o sector á Xunta da Galiza e non promesas electorais, que é o único que hai até o momento”.

Rubido demandou “un conxunto de medidas para abordar a crise do sector marisqueiro”. Neste sentido, reclamou “o saneamento integral das rías galegas, a rexeneración dos bancos marisqueiros, axudas económicas para as mariscadoras e mariscadores por todo o tempo que estean parados e apoio ao sector do mexillón, cuxa produción caeu perto do 35% no que vai de ano”.

O portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa alertou dunha “crise de fondo do sector marisqueiro”. Neste punto, afirmou que “o que evidenciou o Consello da Xunta desta quinta feira é que o modelo tradicional de pesca e marisqueo non lle interesa ao Goberno galego. Non hai problema para aprobar axudas por máis de 6 millóns de euros para a industria conserveira pola suba do aceite, mais non se aproba ningún tipo de axuda para o sector marisqueiro”.

O colectivo de Rubido é un dos máis de 115 que impulsan a manifestación de mañá. Así, entre estes atópanse diversas agrupacións de mariscadoras e mariscadores, as principais organizacións galegas de bateeiros, confrarías de pescadores, organizacións sindicais e distintos colectivos ecoloxistas que teñen organizado durante estes días o voluntariado de limpeza das praias afectadas polos vertidos do Toconao. Os candidatos do BNG e PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza confirmaron, tamén, a súa asistencia.

A Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia é un deses colectivos que apoia a marcha do domingo. O seu presidente, Rogelio Santos, desvela a Nós Diario que “a vertedura de pellets do Toconao foi a pinga que colmou o vaso do maltrato das administracións ás rías e ás mariscadoras galegas”. "A facturación caeu en todas as lonxas galegas e non só polo marisco", engade.

Así, Santos denuncia que “no Nadal a xente que só vive do marisqueo ficou sen ingresos polo fechamento dos bancos marisqueiros, sen que o Estado e a Xunta lles prestasen ningún apoio até o momento”. Nesta liña, considera “unha vergoña e unha miseria que a Xunta propoña axudas de 550 euros para cada mariscadora. Estamos falando de 550 euros para xente que leva meses e meses sen poder desenvolver a súa actividade”.

Un contexto complicado para o sector

A manifestación realízase nun momento complicado para o sector marisqueiro galego. María Porto, presidenta da Agrupación de mariscadoras de Carril, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), unha das entidades impulsoras da mobilización, sinala a Nós Diario, que “nós xa non temos dereito a cese da actividade. Estivemos paradas desde marzo de 2023 a outubro; en outubro volvemos, pero veu a riada e deixounos sen marisco, e agora non temos dereito a nada”.

Porto alerta de que “as mariscadoras estanse indo”. "A comezos de 2023, eramos 90, agora quedamos 70, cinco vanse xubilar e moitas están buscando traballo en terra porque non se pode vivir do mar", pon de manifesto. "A xente estase indo do mar e precisamos solucións urxentes para o marisqueo", agrega Porto, que explica a mobilización de mañá neste contexto.

O caso de Carril repítese en Noia, cuxa confraría de pescadores é a primeira da Galiza en número de mariscadoras e mariscadores con máis de 1.500 persoas asociadas, máis do 20% do total da Galiza. Nesta localidade do Barbanza, a actividade marisqueira permanece paralizada desde o 2 de decembro, após unha campaña de Nadal que só durou sete días para o marisqueo a pé e oito días para o marisqueo a flote.