Madrid burla as novas restricións do Goberno español

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, nunha comparecencia. (Foto: Europa Press)
A Xunta, que esta segunda feira continúa a avaliar se recorre ao Tribunal Constitucional, acepta de bo grado que a Audiencia Nacional aceptara un recurso do Goberno de Isabel Díaz Ayuso.

A Audiencia Nacional aceptou o recurso da Comunidade de Madrid contra as medidas restritivas para facer fronte á Covid-19 aprobadas polo Goberno do Estado español a pasada semana sen o apoio de todos os territorios. Isto implica que polo momento a aplicación quedará en suspenso baixo o Executivo de Isabel Díaz Ayuso. O anunciou foi ben acollido pola Xunta, que tamén amosou o seu rexeitamento ao plan do Ministerio de Sanidade desde o primeiro momento.

Poucas horas despois de que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, explicara que estaban a estudar recorrer ao Tribunal Constitucional para frear a aplicación das prohibicións "impostas" no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde co voto en contra de varios territorios, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, manifestou publicamente a aceptación de bo grao da decisión da Audiencia Nacional.

Alí aceptaron a trámite o recurso de Díaz Ayuso contra as limitacións estipuladas para a "nova normalidade" e publicadas o sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE).

"Dende logo non é unha mala noticia", subliñou Rueda nunha rolda de prensa, na que compareceu para comentar a alianza co sector do lecer nocturno e a hostalaría en xeral para protestar contra medidas que implican, entre outras cousas, o feche á 1 da madrugada dos bares e ás 3 das discotecas.

Malia este paso, a Xunta segue co Constitucional no horizonte alegando "invasión de competencias", algo que estuda a asesoría xurídica. Porén, non avanzou ningún outro dos argumentos previstos.

Ao igual que a Comunidade de Madrid, Galiza solicitaría a suspensión da aplicación mentres se tomase unha decisión definitiva.

En todo caso, Rueda afirmou que se agardará até esta cuarta feira para ver se o Ministerio de Sanidade rectifica no novo encontro dos diferentes territorios, pois a Xunta entende que cando xa moitas zonas tiñan as súas estratexias traballadas non era momento de que o Goberno español se pronunciara.

"Esperemos que o fagan (rectificar), que percorramos a senda do entendemento e que cada comunidade teña capacidade para tomar as súas decisións e fuxamos desa foto fixa que non permite ter en conta a previsión de mellora epidemiolóxica", subliñou.

Encontro coa hostalaría

Ao respecto deste tema falou a representación da hostalaría que mantivo esta segunda feira á tarde unha reunión con Rueda. "Dende logo, no sector non vemos positivamente o que quere o Goberno de España", recoñeceu o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal.

"É pór un parche, mais un parque que non está nin pegado", lamentou Luis Diz, do colectivo Galiza de Noite, que cre que de seguir adiante con esas restricións perderon o tempo porque fican nunha situación semellante á de bares e restaurantes.