Unha macroplantación de eucalipto nas Pontes ameaza un castro e unha vintena de mámoas

Plantación de eucalipto nun monte galego. (Foto: Adega).
O proxecto afecta a perto de 1.000 hectáreas e está en fase de tramitación. Esta sexta feira foi obxecto de enfrontamento entre o Goberno da Xunta e a oposición no marco da Comisión de Agricultura do Parlamento.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, informou de que a  macroplantación de eucalipto que proxecta a empresa forestal Plafor nas Pontes afecta a un espazo de preto de 1.000 hectáreas no que existe un castro e 19 mámoas. Con todo, sinalou que este expediente está en tramitación e aínda non conta con autorización por parte da Xunta.

O impacto da moratoria do eucalipto

Chan ofreceu estas explicacións en resposta ao deputado socialista Martín Seco, quen alertou de macroplantaciones previstas tanto nas Pontes como no municipio de Aranga, en zonas "xa saturadas" desta especie.

O director xeral da Xunta aclarou que os macroproxectos "non están autorizados" e que en todo caso van ser tramitados "dentro do marco legal".

Ao respecto, Seco criticou que o anuncio de moratoria de eucalipto realizado pola Xunta só serviu para "plantar indiscriminadamente por todo territorio", mentres demanda que "tomen iniciativas xa" para acoutar o avance do eucalipto.

O patrimonio cultural, ameazado

A Xunta anunciou a moratoria o pasado 23 de febreiro. Dous días despois, detallou José Luís Chan Plafor fixo a solicitude para levar a cabo o plantación das Pontes mediante un arrendamento dos terreos da antiga mina de Endesa.

Tras a petición abriuse un período de consultas para a tramitación ambiental. Un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural insta a un proxecto específico sobre patrimonio cultural, dada a existencia dun castro e 19 mámoas. A esta achega hai que sumar as da Sociedade Galega de Historia Natural e de dúas entidades ecoloxistas, que tamén presentaron as súas alegacións ao proxecto.

Corta de eucalipto

Chan defendeu que o volume de cortas no que vai de ano na Galiza é similar a exercicios anteriores, con 4,48 millóns de metros cúbicos. E remarcou que os obxectivos marcados para o eucalipto poden revisarse unha vez se dispoña do inventario forestal continuo o ano que vén.