Serían unha "obstrución" para a candidatura a Patrimonio Mundial

Un 'macroproxecto' composto por cinco parques eólicos ameaza a Ribeira Sacra

Proxección dos doce aeroxeradores que conformarían o parque eólico Treboada, publicado no DOG nesta cuarta feira (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
O empresario balear Antonio Mascaró, que en 2006 foi investigado —mais absolto— por un presunto delito de estafa, é un dos promotores de até cinco parques eólicos que se erguerían na contorna da Ribeira Sacra. Todos os parques terían unha potencia instalada de 50 MW, o límite para poder tramitalos a través da Xunta.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) someteu nesta cuarta feira a información pública a solicitude administrativa previa e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Treboada, que afectaría os concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Segundo a documentación achegada pola empresa, Wind Grower SL —creada en 2019—, constaría de doce aeroxeradores e unha potencia total instalada de 50 megawatts (MW), xusto o límite para poder tramitar o proxecto a través da Xunta da Galiza e esquivar o Goberno estatal.

Mais cómpre salientar que este parque carecería dunha das infraestruturas esenciais, a subestación transformadora de enerxía, xa que se conectaría directamente á do parque eólico Ventumelo —nos municipios da Pobra de Trives, Ribas de Sil e San Xoán de Río—, cuxo promotor é Wind Hero SL. O administrador de ambas as sociedades é o balear Antonio Mascaró Gomila. Este proxecto tería as mesmas dimensións: doce turbinas e 50 MW.

Porén, non son os únicos eólicos proxectados na contorna da Ribeira Sacra: Neboada, Orballeira e Xeada situaríanse nos concellos de Larouco, Quiroga, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras, e detrás deles tamén está Antonio Mascaró.

Todos estes parques, que están en fase de tramitación mais aínda non foron publicados no DOG, terían tamén doce turbinas e unha potencia de 50 MW. Aliás, os tres últimos compartirían as infraestruturas de evacuación.

Muíños na zona candidata a Patrimonio Mundial

Dúas das tres alternativas formuladas pola promotora situarían entre sete e dez turbinas eólicas dentro da zona de amortecemento do Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, isto é, o espazo delimitado para "reforzar a protección do ben e as súas condicións de implantación no territorio".

Con todo, todas as opcións exploradas afectarían de forma notábel a Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) da Ribeira Sacra, xa que as aspas dos aeroxeradores alcanzarían os 180 metros de altura e serían visíbeis desde o espazo protexido. Tamén desde a AEIP do Val do río Navea, a escasos metros das instalacións. De feito, a poligonal do parque abranguería no seu interior parte do núcleo de ambas as áreas de interese paisaxístico.

Cómpre lembrar que na Ribeira Sacra, en concreto en Paradela, xa están operativos dous parques eólicos: un homónimo e outro denominado Serra das Penas. Nós Diario fixérase eco o 18 de agosto de 2019 da denuncia da plataforma Stop Eólicos, que advertía que estes dous proxectos poderían "prexudicar" a candidatura da Ribeira Sacra a formar parte do Patrimonio da Humanidade da Unesco.

De feito, o informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos, polas siglas en inglés) ratificou o pasado xuño que o "impacto visual" dos muíños "dificulta" a concepción unitaria do territorio e supón "unha obstrución visual para apreciar a ligazón entre os mosteiros e os ríos". Tamén fixo alusión, no documento xustificativo do "non" á candidatura galega, a "factores que afectan o territorio" como os mencionados, que "non deberían estar permitidos dentro das lindes" dunha área candidata a ser nomeada Patrimonio da Humanidade.

En Chandrexa de Queixa, así mesmo, están en funcionamento desde comezos de século os parques Pena da Cruz e Serra do Burgo.

Outras afeccións

No que atinxe á fauna, a empresa admite a presenza na contorna de dúas aves protexidas, a aguia real e a tartaraña cincenta —recollida como "vulnerábel" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas—, que se verían prexudicadas "pola perda do hábitat, posíbeis colisións co tendido e a destrución de niños por rozas".

Así as cousas, os núcleos habitados de Argas Vellas e Vilardá (San Xoán de Río) ficarían a 580 e 860 metros respectivamente dos muíños máis próximos, e o impacto acústico oscilaría entre os 36 e os 46 decibelios, ao límite do máximo permitido.

O promotor do parque, Antonio Mascaró, tivo problemas coa Xustiza de Balears

Antonio Mascaró Gomila, que na década de 1990 ostentou un cargo directivo na Banca March, foi imputado en 2006 pola Xustiza balear acusado dun presunto delito de estafa no marco do 'caso Royaltur'. A acusación particular, exercida polo empresario hoteleiro Jaime Moll, pedíalle seis anos de prisión por, supostamente, ter urdido unha estratexia para desposuílo do seu patrimonio —12 estabelecementos valorados en 216 millóns de euros— a través da empresa Alcázar, prometéndolle unha contía de 90,1 millóns que nunca se tería pagado. Porén, o xuíz non atopou indicios de delito.

Mascaró tamén se viu involucrado no 'caso Andratx', unha trama urbanística na que se lle acusaba de participar —mais sen chegar a condenalo— a través de Inversiones Bruja SL.