Mabel Rivera, a banda deseñada e os estigmas ocultos da lingua, no 'Sermos Galiza' deste sábado

O semanario 'Sermos Galiza', á venda este sábado xunto ao teu exemplar de 'Nós Diario', todo por só tres euros.
Mabel Rivera acaba de facer 70 anos. É unha 'pioneira en activo' que fai memoria da súa traxectoria, dos proxectos novos e do presente das mulleres actrices coma ela.

"Poucas veces interesou ver nunha pantalla un papel dunha muller maior. Insisto que se este papel existe é por un motivo ben claro: hai mulleres nos postos de decisión. Antes este tipo de historias, de sensibilidades, de papeis case que non se contaban", destaca Mabel Rivera a Alberto Ramos na entrevista que este sábado protagoniza o semanario Sermos Galiza.

A actriz recoñécese precursora, mais sen perder de vista que abrir camiños para que outros transiten por eles, non sempre significa que teñen que seguir os propios pasos, unha reflexión que a leva a a afirmar que "ser pioneira case é ser obsoleta". Con todo segue en activo, e coa mirada moi atenta á profesión.

Por que mudan de lingua as crianzas gaelgofalantes?

O ‘estigma revelado’ da lingua abre o semanario que acompañará o Nós Diario deste sábado, 10 de setembro, as representacións negativas do galego non detectadas antes polas enquisas e que descobre o estudo Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota.

Falar en galego supón un estigma que conduce desde ao enfrontamento verbal directo a outras diversas formas de presión, explica o autor nunha reportaxe de Montse González sobre a experiencia do alumnado galegofalante ante o seu grupo de iguais.

Banda deseñada desde a Galiza

Agosto é o mes por excelencia das viñetas, nomeadamente na cidade da Coruña, escenario de dous grandes festivais que Manuel Barreiro gozou para compartilos agora co público lector do Sermos Galiza.

A banda deseñada marca o tempo na cidade herculina e faino a través de dous eventos complementarios, o Viñetas desde o Atlántico e o Autobán. Dúas citas que exploran e amosan a plenitude do xénero, das novidades, dos seus autores e da autoedición.

Música, arte e lecer

O Sermos Galiza desta semana achéganos, ademais, ás fontes do Sil, nunha nova entrega do ‘Andar e ver’ que o Colectivo Xea cadrou en Cabrillanes, León.

Mario Regueira comparte con Susana Sanches Arins a escolla literaria da semana, unha selección de libros que inclúe O país dos raposos, de Adrián Noia; María Casares fronte ao espello, de Sabela Hermida; O pote do ouro, de Calros Solla; O libro do verán, de Tove Jansson; A caza do Tiburiente, de Lewis Carroll, e A agonía das folerpas, de Oscar Reboiras Loureiro.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Upgrade, de Leigh Whannell. A música póñena Belem Tajes e César Morán, con notas de jazz, folk norteamericano e as sensacións dun concerto ao vivo cun público interactivo.

Unha vez máis, Manuel Xestoso lévanos a escena para achegarnos a última produción de ButacaZero baixo a dirección de Xavier Castiñeira; ademais doutras propostas para encher a axenda teatral da semana.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!