Saúde

A luz ultravioleta do sol é a principal causa do cancro de pel, o máis común de todos

"Se previmos os casos graves, os outros teñen tratamento", afirma o facultativo Ignacio Suárez. (Foto: Nós Diario)
Hoxe conmemórase o Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel.

O cancro de pel é o máis común de todos os tipos de cancro. É o máis frecuente por diante doutros tumores como o colorrectal, de próstata, mama ou pulmón, que na Galiza, como no conxunto do Estado, alcanzan as cifras de incidencia máis alta.

"A pel é o noso primeiro órgano de defensa e vivimos ao aire libre", explica a Nós Diario Ignacio Suárez, facultativo da área de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que apunta directamente o principal factor de risco neste tipo de cancro: o sol. "Por moito que nos protexamos vai seguir incidindo, pero se previmos os casos graves, os outros teñen tratamento".

O doutor Ignacio Suárez.

Ignacio Suárez distingue dous tipos de cancro de pel que axudan a entender mellor unha incidencia tan elevada e tamén o perigo que supón e que concentra nun grupo de tumores concretos, os denominados melanomas. "Hai dous grupos de cancro moi definidos: o cancro de pel non melanoma e o cancro de pel melanoma". O primeiro é o máis frecuente no ser humano.

"A maioría dos cancros de pel de tipo non melanoma é o que se denomina carcinoma basocelular, que ten moi bo prognóstico, porque coa extirpación cirúrxica cúranse case todos". Retírase e non vai a outros sitios, non ten capacidade para producir metástase, di. Neste mesmo grupo identifica un segundo tipo de cancro: o carcinoma espinocelular, "un pouco máis perigoso, pero que conta tamén cun bo tratamento".

Melanoma

O melanoma é o responsábel da maioría das mortes que se producen por cancro de pel. "É o máis perigoso pero tamén é o menos frecuente". Con todo, aclara, a incidencia está a aumentar de forma progresiva nos últimos anos. En dúas décadas o número de casos novos diagnosticados en períodos de tempo determinados –un ano– non deixou de incrementarse por mor, sobre todo,  dunha maior exposición solar.

"A luz ultravioleta do sol é o principal factor de risco. Despois tamén conta ter a pel moi clara, ter máis dun número de lunares no corpo ou ter uns lunares especiais que chamamos nebus atípicos; ademais dunha predisposición xenética, mais só ao melanoma, non aos outros tipos de cancro de pel".

Prevención

Diminuír todo o posíbel a exposición solar, nas horas centrais do día e nos meses de maior incidencia; usar cremas de fotoprotección e evitar as cabinas de bronceado son, para Ignacio Suárez, as principais accións preventivas fronte ao cancro de pel.

Ademais, destaca un labor de vixilancia e control de manchas e 'rarezas' por parte das doentes. "O número de lunares non é importante para as persoas, éo para nós, para os especialistas. As pacientes o que deben vixiar é un cambio brusco e rápido nunha lesión e atender á regra do ABCDE: acrónimo de asimetría, borde –irregular–, cor –desigual–, diámetro –superior a 6 mm– e evolución", que pode funcionar a modo de alarma para unha primeira consulta na Atención Primaria.

"O máis seguro é que non sexan lunares, senón outro tipo de manchas ou lesións benignas sen importancia pero é unha sorte de  cribado para que non se pase ningún melanoma, que adoitan cumprir estes criterios", conclúe.

Increméntase a incidencia mais non a mortalidade

Arredor dun 5% dos cancros de pel diagnosticados son melanomas, cuxas estimacións de prevalencia indican un aumento progresivo que non se aplica á mortalidade. "Se se diagnostican pronto, cúranse todos". Nos últimos anos, sinala Ignacio Suárez, apareceron moitos novos tratamentos e terapias dirixidas especificamente a mutacións xenéticas que ten o melanoma" e que permiten tratar con mellor prognóstico mesmo aqueles máis avanzados, os máis perigosos, que levan aparellado o risco de metástase en calquera órganos: pulmón, ósos, fígado".

Isto permitiu que a mortalidade non aumentase malia o incremento da súa incidencia. "En 2020 diagnosticáronse uns 78.000 cancros de pel en todo o Estado, dos cales 4.000 foron melanomas, que este ano poderían duplicarse".