O fármaco cubano contra o cancro de pel ofrece resultados noutros tumores

Podería servir de alternativa terapéutica para o de mama, entre outros, sinalaron os investigadores do Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía.
hberferon_cancro_cuba
photo_camera O medicamento HeberFeron úsase no tratamento do cancro de pel (Foto: CIGB)

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, destacou nesta terza feira os avances do medicamento HeberFeron no tratamento do cancro de pel e a posibilidade de ser unha "alternativa terapéutica" para outros tumores. Segundo apuntou en Twitter o fármaco que desenvolve o Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB), "pódese converter noutra alternativa terapéutica para enfermidades como tumores cerebrais e carcinomas renais".

Díaz-Canel compartiu na rede social un artigo publicado no sitio oficial Cubadebate onde o científico encargado do proxecto afirma que o medicamento está en proceso de ensaios clínicos nestas doenzas.

"É posíbel que entre este ano e que o próximo obteña o rexistro sanitario en Cuba para esas indicacións", sinalou o doutor Iraldo Bello do CIGB. Engadiu, segundo a publicación, que investigan tamén o uso do medicamento en pacientes con cancro avanzado de mama e cabeza e pescozo porque hai persoas que non responden ás terapias actuais.

Bloqueo e medicamentos

O país conta cunha recoñecida industria biotecnolóxica, malia que o bloqueo estabelecido á illa está a pór en dificultades a sanidade no país, con escaseza de medicamentos en hospitais e farmacias. Dos 619 medicamentos que clasifica como básicos, 359 son producidos por BioCubaFarma, a empresa biotecnolóxica da que fai parte o CIGB.

O Goberno culpa da situación ao bloqueo financeiro e comercial de Estados Unidos que encarece a adquisición de fármacos, tecnoloxías, materias primas ou equipos, obstaculiza as transaccións con terceiros países e dificulta o acceso ao financiamento externo para investigación e desenvolvemento, entre outros prexuízos. 

Comentarios