Un lugués, entre os cinco feridos que permanecen hospitalizados tras o accidente de bus do Imserso en Mallorca

Estado no que quedou o interior do autobús. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
O chofer apuntou a un fallo mecánico, aínda que non se descarta ningunha hipótese.

Un lugués que viaxaba no autobús con turistas do Imserso que sufriu un accidente esta segunda feira na estrada de San Llorenç a Son Servera, en Palma de Mallorca (Balears), permanece ingresado nun centro hospitalario da illa. Así o confirmaron fontes do Imserso, que indicaron tamén que dos 52 pasaxeiros que realizaban esa viaxe, até 16 procedían da Galiza.

Entre as persoas que viaxaban no autobús atopábanse dous veciños da localidade de Monterroso (A Ulloa) que, segundo trasladaron fontes municipais citadas pola axencia Europa Press, están en bo estado.

Ademais dos galegos e galegas, no autobús viaxaban un total de 52 persoas procedentes de Salamanca (9), Zaragoza (22) e de Tenerife (5), ademais do condutor e o guía. Segundo as últimas informacións, cinco persoas seguen nestes momentos hospitalizadas: unha de Lugo, dúas de Zaragoza, unha de Tenerife, e unha de Salamanca.

O accidente produciuse esta segunda feira contra as 10 horas, no quilómetro 5 da estrada Ma-4030, cando o autobús saíu da calzada e caeu por un desnivel de dous metros de altura. O condutor deu negativo nas probas de alcol e drogas que se lle practicaron inmediatamente despois de producirse o sinistro.

O chofer apuntou a un fallo mecánico como causa da saída de vía, cuestión que agora investiga a Garda Civil, aínda que aínda non se descarta, polo de agora, ningunha hipótese.