Ascenden a 24 as persoas feridas no accidente nas Balears dun autobús do Imserso no que viaxaban turistas da Galiza

O autobús sinistrado esta segunda feira nas Balears (Foto: Isaac Buj / Europa Press).
Sete das persoas afectadas polo sinistro están en estado grave.

As persoas feridas no accidente dun autobús do Imserso ocorrido esta segunda feira na estrada de Sant Llorenç a Son Servera (na illa de Mallorca, nas Illes Balears) ascenden a 24, sete delas graves, segundo o último balance ofrecido polo Ibsalut.

En concreto, segundo a información difundida, trasladáronse un total de 27 persoas até os hospitais da illa mallorquina, tres delas familiares das feridas. A Son Espases (5), Hospital de Manacor (10), Son Llàtzer (5), Hospital de Llevant (5) e Hospital de Muro (2). O último balance sinala 17 feridas leves e sete graves.

Os feitos ocorreron ao redor das 10 horas desta segunda ferira, no quilómetro 5 da estrada Ma-4030. No autobús viaxaban ao redor de 50 persoas procedentes da Galiza, de Castela e León, de Aragón e de Canarias, as cales se dirixían ás Covas do Drach.

Até o lugar desprazáronse, por parte de Bombeiros de Mallorca, efectivos dos parques de Manacor e Artà, ademais dun sarxento e dous técnicos. Tamén participaron no rescate a Garda Civil, e a Policía Local de Son Servera e Sant Llorenç, o 112 e profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía de Baleares.

O condutor do autobús, pola súa parte, deu negativo nas probas de alcol e drogas que se lle practicaron inmediatamente despois de producirse o sinistro. O chofer apuntaría a un fallo mecánico como causa da saída de vía, extremo que agora investiga a Garda Civil.

O IbSalut habilitou o teléfono 900 712 112 para atender ás familias das afectadas. A presidenta do Govern, Marga Prohens, asegurou que desde o Executivo balear están pendentes do ocorrido e do estado de saúde das feridas.

"Pendente do accidente ocorrido esta mañá [desta segunda feira] na estrada de Sant Llorenç a Son Servera e do estado de saúde de todos os feridos. Despregados todos os servizos e protocolos de Emerxencia para a atención das vítimas e familiares", escribiu nun comunicado.