Lugo subvencionará a galeguización das lápidas do cemiterio municipal

Arroxo e López, durante a súa visita (Foto: Concello de Lugo).
O Concello porá 10.000 euros a disposición das familias que o desexen, en forma de axudas de 200€ por lápida

O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación, Cristina López, visitaron o Cemiterio Municipal no día previo á festividade de Santos.

Ambas as edís anunciaron que de cara a 2022 o Goberno de Lugo estuda "incorporar unha axuda a todas as persoas que desexen galeguizar as lápidas dos seus defuntos", segundo explicou Rubén Arroxo.

O Tenente Alcalde explicou que desde o Goberno de Lugo continúan “a realizar distintas campañas para promocionar o uso da lingua galega, neste caso, no Cemiterio Municipal, para garantir que todas as familias que o desexen poidan ter as lápidas dos seus defuntos en galego".

Arroxo afirmou que desde o Concello recollen “esta proposta, que xorde orixinalmente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística", e anunciou a colaboración entre o Goberno local e esta asociación para levar adiante esta campaña.

Así, o Concello de Lugo porá 10.000 euros a disposición das familias que o desexen, en forma de axudas de 200€ por lápida. O Tenente Alcalde anunciou que "esta partida formará parte dos orzamentos do 2022, e a campaña porase en marcha ao longo do vindeiro ano".