Lugo reclama un tren "digno" e conexión directa con Compostela

O deputado do BNG, Néstor Rego, participou na protesta en Lugo para exixir un tren "digno" (Foto: Nós Diario).
O BNG organiza un acto de protesta en Lugo para exixir a moderniazación da liña á Coruña e a creación dunha conexión directa coa capital galega.

A chagada do AVE á Galiza marca unha realidade de dúas velocidades no que ao ferrocarril se refire. Dunha banda, están as cidades como Ourense, conectadas coa meseta a través da alta velocidade, e logo están as do Eixo Atlántico, que teñen un ferrocarril de boas prestacións para comunicarse entre elas, mais terán que esperar para desfrutar plenamente da alta velocidade. E á marxe de todas elas está Lugo. 

Esta situación diferencial foi a que levou o BNG a manifestarse este sábado na cidade da muralla para reclamar unha mellora do servizo ferroviario baixo o lema 'Lugo quere tren!'. Á concentración asistiron o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz nacionalista no Concello de Lugo, Rubén Arroxo.

Durante o acto, Rego asegurou que seguirán a traballar no Congreso das Deputadas e noutras institucións para que "Lugo conte cun tren digno", e concretou medidas como a actualización da liña Lugo-A Coruña ou a creación dunha conexión directa Lugo-Santiago.

O deputado do Bloque afirmou que Galicia "sofre unha discriminación histórica" en canto ás súas infraestruturas por parte dos Gobernos de PP e PSOE. Isto sucede a mesma semana na que o BNG presentou as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado 2022, aprobados o pasado xoves, entre as que os nacionalistas pedían melloras das infraestruturas de transporte en Lugo e Ourense.

Sen conexións de proximidade 

Entre outras cuestións, Rego criticou que a chegada do AVE a Galiza prodúzase 30 anos despois da data anunciada polo Goberno estatal, e insistiu en que "non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas".

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello de Lugo anunciou que a súa organización levará a cabo unha campaña "para poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, acabando con anos de recortes e eliminación de servizos".

No acto iniciouse unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a modernización da liña Lugo-A Coruña e a creación dunha conexión con Santiago de Compostela. Arroxo tachou de "agravio a Lugo" que esta sexa a única cidade sen conexión directa coa capital galega.