Lugo incorporará á Primaria 14 médicos xubilados, moitos dos cales pediran unha prórroga que o Sergas rexeitou

Un sanitario traballando no seu centro de saúde (Foto: Europa Press).
O sindicato UXT salienta que os centros de saúde levan "máis dunha década sen cubrir todas as vacantes".

O secretario da Federación de Servizos Públicos da UXT-Lugo, Eliseo Rivas, estimou esta sexta feira que son "sobre catorce" os médicos xubilados que volverán traballar en Atención Primaria na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, dentro das medidas aplicadas pola Xunta para reforzar o devandito servizo en toda a Galiza no contexto de explosión de casos pola pandemia da Covid-19.

Rivas queixouse de que "moitos destes profesionais, destes médicos xubilados, solicitaron no seu momento unha prórroga para seguir traballando e non se lles concedeu".

A Consellería de Sanidade optou por reforzar a Primaria con estes facultativos para o seguimento de casos do coronavirus e tramitación de baixas, segundo explicou. "Iso parécenos positivo para reforzar o servizo, pero esta non é a solución, unha saída que pasa, indubidabelmente, por dotar de máis persoal sanitario e non sanitario a Atención Primaria", manifestou o sindicalista de UXT.

Rivas defendeu que é preciso "evitar que o persoal facultativo e de enfermaría marche a outros territorios por contar neses lugares con mellores condicións económicas e laborais".

A "emerxencia" que vive a Atención Primaria achácaa á "nefasta política" da Xunta na sanidade pública e, "sobre todo", na Atención Primaria, que "cada vez vai a peor", augurou.

"Levamos quince anos nos que a primaria está en caída libre, máis de dez anos con falta de persoal e máis dunha década con falta de cobertura de vacantes", afirmou.

Por parte de UXT tamén se trasladaron os "enormes problemas" con que se atopan os centros de saúde na área de Lugo para dar unha "asistencia sanitaria" de calidade, unha cuestión que, asegura, é compensada "coa gran profesionalidade de todo o persoal".