Lugo asina a cesión dos terreos para a suprimir o paso a nivel en Recimil

Lara Méndez, no centro, e os propietarios das parcelas (Foto: Nós Diario).
O Concello de Lugo recepciona de parte dos propietarios as parcelas que servirán para iniciar os traballos no paso a nivel de Recimil. A veciñanza pedira un semáforo no lugar do accidente.

O Concello de Lugo e os propietarios de tres parcelas en Recimil, unha das súas parroquias, asinaron onte a cesión dos terreos necesarios para a supresión dun paso a nivel nesta localidade, no cal recentemente faleceron dous mozos. Desta maneira, o Goberno local asume temporalmente a titularidade das terras que se entregarán a Adif para que o organismo estatal poida iniciar os traballos de mellora da seguridade na zona.

A firma desta cesión temporal foi a fórmula administrativa elixida para acurtar os prazos legais e poder iniciar a construción dun camiño paralelo á vía, que conectará cun paso inferior a 300 metros, tal e como se acordou no encontro a tres bandas entre o Concello, o Ministerio de Transportes e os representantes veciñais o pasado 21 de agosto. No acto participou, por parte municipal, a alcaldesa da localidade, Lara Méndez. 

Petición de semáforo

A veciñanza de Recimil e Coeo protagonizou semanas atrás unha serie de mobilizacións, unha delas diante a Subdelegación do Goberno español, para exixir a colocación dun semáforo no paso a nivel onde faleceron, en xullo, os dous mozos.

As protestas estiveron convocadas polas representacións veciñais co obxectivo de reclamar a Adif que coloque dun sinal luminoso e sonoro, á espera de suprimir o citado paso a nivel, a súa principal demanda. 

A veciñanza xa denunciara a perigosidade do lugar e a falta de seguridade no paso a nivel sen barreiras, só con sinais de stop e de aspa mais con pouca visibilidade para os vehículos que circulan por el. 

O tráxico accidente produciuse o pasado 12 de xullo e saldouse con dous mozos, de 21 anos e 19 anos, e un terceiro ferido. cando o seu coche foi alcanzado por un tren de viaxeiros e arrastrado uns 200 metros. Os ocupantes do vehículo participaban na obra dun centro asociado á subestación de Adif de Oural (Sarria), no marco da electrificación da liña Ourense-Monforte-Lugo, a soldo da empresa Telice.