Lucía Rodríguez: "A xente nova, coa pandemia, valoramos máis o sitio en que vivimos e a liberdade que temos"

Lucía Rodríguez é socia fundadora da Asociación Ser de Oliver Laxe, na imaxe en Navia de Suarna (Foto: Ángela Álvarez).
Lucía Rodríguez ten 21 anos e vive nas Salgueiras, lugar da parroquia de Son situada no val do río Ser, no concello de Navia de Suarna. Na súa aldea só viven ela e a súa familia, o resto de casas están abandonadas ou deshabitadas. O amor pola súa comarca fixo que iniciara, como proxecto de fin de grao en Publicidade e Relacións Públicas, a páxina de Facebook 'O Argueiro dos Ancares'. 

-Cal e a razón pola que nace 'O Argueiro dos Ancares'?

Sempre tiven claro que quería vivir nos Ancares porque é o sitio onde máis feliz son. Ao mesmo tempo desde que era pequena sempre sentín con preocupación a cuestión do despoboamento e o desmantelamento dos servizos. Todo está relacionado. Se non hai crianzas non hai servizos e se non hai servizos non hai xente. A idea de que o traballo de fin de grao dos meus estudos tiña que ser sobre os Ancares estivo clara desde sempre. Se algo fun predicando ao longo da miña vida foi de onde era para que a xente soubera situalo no mapa.

Durante o confinamento na aldea estívenlle dando voltas sobre como podía facelo e decidín que quería crear algo semellante a unha marca comarcal. Como era moi difícil dinlle unha volta e xurdiu 'O Argueiro dos Ancares', un portal onde falo basicamente da xente mais tamén dos lugares máis descoñecidos que non son tan turísticos mais son bonitos. Máis que promocionar a idea quero visibilizar como se vive aquí.

Todo o mundo sabe que temos unhas montañas preciosas mais non saben que pasa dentro delas. Hai xente que está facendo cousas, pequenos proxectos que están emerxendo ou mocidade que traballa nos seus proxectos para quedar aquí. 

-Que atopamos neste proxecto?

Empreguei como logo un símbolo que atopamos nos restos do hórreo da casa que se tirou hai 50 anos. Hai uns anos atopamos a ripa, a táboa que vai por debaixo do lousado. Miña nai e meu pai decidiron restaurala e conservala. É unha flor de seis pétalos. Coincidiu que hai uns anos mercara un colgante con ese mesmo símbolo sen saber que estaba na casa até esta pasado verán. Foi cando decidín que fose o símbolo. Cada un dos pétalos representa un tema de historia, paisaxe, xentes, tradición, cultura,... todo ligado a través das imaxes e os relatos.

Na páxina atopas moitas historias. O día das letras galegas, por exemplo, recuperei palabras desta zona que apuntei dos meus avós, para que non se perdan. Outro día contei a historia dun rapaz que dá aulas de pandeireta polas aldeas e que sabe moito da tradición. Tamén aparece unha marca de queixo, un museo nunha casa privada, ...

-Que lle gustaría facer ao entregar este traballo?

Por agora porei contido diario, logo será semanal. Para facer cada historia vou persoalmente para escoitar a xente, coñecelos e captar a esencia desas persoas. Estou feliz e contenta pola repercusión que ten, entendo que é porque era necesario. Gustaríame que non se perdera a autoría do meu traballo e pensei en crear unha páxina web diferenciada das redes sociais. Co tempo podería facerse un evento onde se reuniran os produtos locais dunha maneira lúdica, con música e a presenza dalgúns dos poetas de aquí que tratei.

-Que descubriu con esta iniciativa? 

Vexo que a xente que mantén vivo o territorio nin a propia veciñanza a coñece. Paréceme grave que nin nos coñezamos os que estamos ao lado. Hai festas mais falta colaboración, unión. Ao final das entrevistas sempre lles pregunto como imaxinan o futuro dos Ancares e creo que non houbo ningunha soa persoa que me dese unha resposta diferente. Todo o mundo di que ten que haber máis cooperación entre a xente que está a facer cousas para que haxa máis colaboración. 

-Nota implicación na xente nova dos Ancares? 

Despois da pandemia deunos unha volta á cabeza. Valoramos máis o sitio en que vivimos e a liberdade que temos aquí, estar en contacto coa natureza. Creo que estamos máis concienciados con este lugar.