Lores convoca os rexedores da área sanitaria de Pontevedra ante o "desmantelamento" do sistema sanitario

O rexedor de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Europa Press)
"Eu teño unha preocupación como sanitario en excedencia, e non paro de sorprenderme desa deterioración paulatina que estamos a vivir", comentou o rexedor nacionalista.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta sexta feira que enviou un convite a todos os Concellos que forman parte da súa área sanitaria co fin de manter unha reunión entre alcaldes e portavoces municipais e crear unha "fronte común" fronte ao "desmantelamento" da sistema público de saúde. Esta reunión decorrerá  a vindeira cuarta feira no Teatro Principal da cidade do Lérez.

Ademais de Pontevedra, forman parte da área sanitaria os municipios de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.

Segundo explicou Miguel Anxo Fernández Lores nunha comparecencia, o obxectivo desta reunión parte da "constatada preocupación social" que se vive en todos estes concellos por mor da "deterioración continuada, e sen percepción de parada, do sistema sanitario público".

"Eu teño unha preocupación como sanitario en excedencia, e non paro de sorprenderme desa deterioración paulatina que estamos a vivir", comentou o rexedor nacionalista.

"Quero coñecer a opinión de todo o mundo, quero saber cal é a situación de cada concello veciño e chegar a manter unha posición razoábel e común", afirmou.

Lores expresou o seu desexo de que a Sanidade Pública volva ser "un exemplo en todo o mundo" mais lamenta que a situación, tras a pandemia da Covid-19, estea "peor que antes", especialmente en Atención Primaria.

"Un servizo fundamental"

O alcalde de Pontevedra lembrou que a sanidade é un servizo público "fundamental" que precisa investimentos para que funcione adecuadamente e, engadiu tamén que hai que "defendela" das "falacias e mentiras" de quen a levou a unha situación "que vén de hai moitos anos".

Para frear esta deterioración, segundo Lores, hai que adoptar medidas "urxentes", entre elas, formar o persoal sanitario "suficiente" para cubrir as necesidades futuras da sanidade galega ou reforzar a planificación.

Lores asegurou que, na situación actual, o persoal sanitario "apenas é capaz" de atender todas as emerxencias que chegan e "non se está facendo nada en medicina preventiva".

"Non é normal todo o que está a pasar e, en todo caso, teremos que golpear na mesa para que as autoridades sanitarias, tanto estatais como galegas, decidan actuar e reverter a situación", indicou o rexedor pontevedrés.